Capítulo 8

1 No tocante ao sacrificado aos ídolos, sabemos que todos temos coñecemento. O coñecemento envaidece, pero o amor edifica. 2 Se algún cre que sabe algo, aínda non aprendeu como debe saber; 3 pero se algún ama a Deus, é coñecido por El. 4 Polo tanto, no tocante ao comer do sacrificado aos ídolos, sabemos que un ídolo non é nada no mundo, e que non hai Deus, senón un. 5 Porque aínda cando hai os chamados deuses, sea no ceo ou na terra ( como hai moitos deuses e moitos señores ), 6 con todo, para nós hai un só Deus, o Pai, de quen veñen tódalas cousas, e nós somos para El; e un Señor Xesús Cristo, por quen son tódalas cousas, e por medio de quen existimos nós. 7 Con todo, non todos teñen este coñecemento; senón que algúns, estando afeitos ata agora aos ídolos, comen coma se os alimentos fosen sacrificados a ídolos, e a súa conciencia, sendo feble, queda contaminada. 8 Se ben a comida non nos fai máis aceptos diante de Deus, nen por non comer somos peores, nen por comer somos mellores. 9 Mais tede coidado, non sexa que esta vosa liberdade, veña ser, dalgún xeito, pedra de tropezo para o feble. 10 Porque se algún te vira a ti, que tes coñecemento, sentado á mesa nun templo de ídolos, non será estimulada a súa conciencia, se a persoa é feble, a comer o sacrificado aos ídolos? 11 E polo teu coñecemento perderase o que é feble, o irmán por quen Cristo morreu. 12 E así, ao pecar contra os irmáns e ferir a súa conciencia cando esta é feble, pecades contra Cristo. 13 Polo tanto, se a comida fai que meu irmán tropece, endexamais non comerei carne, para non facer tropezar ao meu irmán.