Capítulo 6

1 Despois disto Xesús foi cara a outra beira do mar de Galilea, que é o de Tiberíades. 2 E seguíao unha grande multitude de xente, porque vían os sinais que facía nos doentes. 3 Entón Xesús subiu ao monte e sentouse ali co seus discípulos. 4 E a Páscoa, a festa dos xudeus, estaba próxima. 5 Cando Xesús levantou os ollos e viu que tiña vido a el una grande multitude, dixo a Felipe: onde mercaremos pan para que estes coman? 6 Pero isto dicía para probalo, pois el ben sabía que facer. 7 Felipe respondeulle: douscentos denarios de pan non abondarían para que cada un deles tomase un pouco. 8 Un dos seus discípulos, Andrés, o irmán de Simón Pedro, díxolle: 9 está aquí este meniño, que ten cinco pans de cebada e dous peixes pequenos; pero que é isto para tantos? 10 E dixo Xesús: facede que as persoas se senten. E había moita herba naquel lugar. E sentáronse uns cinco mil varóns. 11 Logo tomou Xesús os pans, e logo de dar grazas, repartiunos entre os discípulos, e os discípulos entre os que estaban sentados; tamén dos peixes, canto querían. 12 E cando estaban fartos, dixo aos seus discípulos: recollede os pedazos que sobraron, para que nada se perda. 13 Recolleron, pois, e encheron doce cestas de pedazos dos cinco pans de cebada, que sobraran aos que tiñan comido. 14 Entón, vendo o sinal que Xesús tiña feito, aqueles homes dixeron: este é de certo, o profeta que había de vir ao mundo. 15 Pero sabendo Xesús que ían tomalo para facelo rei, volveuse retirar sosiño ao monte. 16 Pola tardiña, os seus discípulos baixaron para o mar, 17 e entrando nunha dorna, ían cruzando o mar cara Capernaúm. Xa era escuro e Xesús non fora con eles. 18 E o mar estaba axitado porque sopraba un grande vento. 19 Cando xa tiñan navegado coma vintecinco ou trinta estadios, viron a Xesús andando sobre o mar e achegándose á dorna; e tiveron medo. 20 Pero el díxolles: Eu son; non temades. 21 Entón eles recibírono con agrado na dorna, que chegou de seguida á terra onde ían. 22 Ao día seguinte, a multitude que ficara ao outro lado do mar decatouse de que alí non había nada máis ca unha dorna, e que Xesús non entrara nela cos seus discípulos, senón que os seus discípulos marcharan sosiños. 23 Viñeron outras dornas de Tiberias perto do lugar onde comeran o pan logo de que o Señor dise grazas. 24 Por tanto, cando a xente ollou que Xesús non estaba alí, nen tampouco seus discípulos, subiron ás dornas e marcharon cara Capernaúm na procura de Xesús. 25 Cando o toparon ao outro lado do mar, dixéronlle: Rabí, Cando chegaches aquí? 26 Xesús respondeulles e dixo: En verdade, en verdade vos digo: buscádesme, non polos sináis que vistes, senón porque comestes dos pans e vos fartastes. 27 Traballade, non polo alimento que perece, senón polo alimento que para vida eterna perdura, o que o Fillo do Home vos dará, porque a este, o Pai, Deus, púxolle o seu selo 28 Entón dixéronlle: Que debemos facer para pór en práctica as obras de Deus?. 29 Respondeu Xesús e díxolles: Esta é a Obra de Deus: que creades no que El enviou 30 Entón dixéronlle: Pois que fas ti como sinal para que vexamos e acreditemos en ti? Que obra fas?. 31 Os nosos pais comeron do maná do deserto, como está escrito: "Deulles a comer pan do ceo" 32 Entón Xesús díxolles: En verdade, en verdade vos digo: non foi Moisés o que vos deu pan do ceo, senón que é meu Pai que vos dá o verdadeiro pan do ceo. 33 Porque o pan de Deus é o que baixa do ceo, e dá vida ao mundo. 34 Entón dixéronlle: Señor, danos sempre dese pan. 35 Díxolles Xesús: Eu son o pan de vida; o que vén a min no terá fame, e o que cree en min nunca terá sede. 36 Pero xa volo dixen, que aínda que me vistes, non credes. 37 Todo o que o Pai me dá, virá a min: e o que vén a min, de modo algún botareino fora 38 Porque descendín do ceo, non para facer a miña vontade, senón a vontade do que me enviou. 39 E esta é a vontade do que me enviou: que todo o que el me deu, non perda eu nada, senón que o resucite no último día. 40 Porque esta é a vontade do meu Pai: que todo aquel que ve o Fillo e cre nel, teña vida eterna, e eu mesmo o resucitarei no día final. 41 Por iso os xudeus murmuraban del, porque tiña dito: Eu son o pan que baixou do ceo. 42 E dician: Este non é Xesús, o fillo do Xosé, do que pai e nai coñecemos nós? Como é que agora di: Eu son o que baixou do ceo? 43 Respondeu Xesús e díxolles: Non murmuredes entre vós. 44 Ninguén pode vir a min se non o trae o Pai que me enviou, e eu resucitareino no día final. 45 Escrito está nos profetas: " E todos serán ensinados por Deus". Quen do Pai ouviu e aprendeu, vén a min. 46 Non é que alguén vira o Pai, senón que aquel que vén de Deus, este ten visto o Pai. 47 En verdade, en verdade vos digo: o que cre, ten vida eterna. 48 Eu son o pan de vida. 49 Os vosos pais comeron do maná do deserto e morreron. 50 Este é o pan que baixa do ceo, para que quen coma del, non morra. 51 Eu son o pan vivo que baixou do ceo; se alguén come deste pan vivirá para sempre; e o pan que eu darei pola vida do mundo é a miña carne 52 Entón os xudeus discutían entre si e dicían: e este, como pode darnos a comer a súa carne?. 53 Entón Xesús díxolles: En verdade, en verdade vos digo: se non comedes a carne do Fillo do Home e bebedes o seu sangue, non teredes vida en vós. 54 O que come a miña carne e bebe o meu sangue, ten vida eterna e eu resucitareino no día final. 55 Porque a miña carne é verdadeira comida e o meu sangue é verdadeira bebida. 56 O que come a miña carne e bebe o meu sangue, permanece en min e eu nel. 57 Como o Pai vivo me enviou, e eu vivo polo Pai, así o que me come, el tamén vivirá por min. 58 Este é o pan que baixou do ceo; non como o que os vosos pais comeron, e morreron; o que come deste pan vivirá para sempre. 59 Isto dixo Xesús na sinagoga, cando ensinaba en Capernaúm. 60 Por iso, moitos dos seus discípulos, cando ouviron isto, dixeron: Dura é esta palabra, quen a pode ouvir?. 61 Pero Xesús, sabendo en si mesmo que os discípulos murmuraban por isto, díxolles: Isto vos incomoda? 62 E se vírades o Fillo do Home ascender onde estaba antes, que?. 63 O Espírito é quen dá vida; a carne para nada aproveita; as palabras que vos teño falado son espírito e son vida. 64 Pero hai algúns de vós que non credes. Porque Xesús sabía dende o inicio quen eran os que non crían, e quen era o que o ía traizoar. 65 E dicía: Por iso vos teño dito que ninguén pode vir a min, se non llo concedese o Pai. 66 Dende entón moitos dos seus discípulos afastáronse e xa non andaban con el. 67 Entón Xesús dixo aos doce: Vós tamén queredes retirarvos?. 68 Simón Pedro respondeulle: A quen imos ir? Ti tes palabras de vida eterna. 69 E nós cremos e coñecemos que ti es o Santo de Deus 70 Xesús respondeulles: Non vos escollín eu a vós, os doce, e porén un de vós é demo?. 71 E el dicía isto de Xudas, o fillo do Simón Iscariote, porque este que o ía entregar, era un dos doce.