Capítulo 10

1 En verdade, en verdade vos digo: o que non entra pola porta no curral das ovellas, e sobe pola outra parte, ese é ladrón e bandido. 2 Pero o que entra pola porta é o pastor das ovellas. 3 O porteiro abre a este, e as ovellas ouven a súa voz; chama as súas ovellas por nome, e guíaas para fora. 4 Cando saca todas as súas, vai diante delas, e as ovellas sígueno, porque coñecen a súa voz. 5 Pero a un estraño non han seguir, senón que fuxirán del, porque non coñecen a voz dos estraños. 6 Xesús faloulles por medio desta parábola, , pero eles non entenderon o que lles quería dicir. 7 Entón Xesús díxolles outra vez: En verdade, en verdade vos digo: eu son a porta das ovellas. 8 Todos os que viñeron antes de min son ladróns e bandidos, pero as ovellas non os escoitaron. 9 Eu son a porta; se algún entra por min, será salvo; e entrará e sairá e atopará pasto. 10 O ladrón só vén para roubar, matar e destruir; eu viñen para que teñan vida e a teñan en abundancia. 11 Eu son o bo pastor; o bo pastor dá a súa vida polas ovellas. 12 Pero o que é xornaleiro e non é pastor, que non é o dono das ovellas, ve o lobo que vén, foxe e deixa as ovellas, e o lobo quítaas e dispérsaas. 13 El foxe porque só traballa pola paga e as ovellas tanto lle teñen. 14 Eu son o bo pastor , e coñezo as miñas ovellas, e as miñas recoñécenme, 15 de igual modo que o Pai me coñece e eu coñezo o Pai, e dou a miña vida polas ovellas. 16 Teño outras ovellas que non son deste curral; a estas tamén teño que traer e han ouvir a miña voz, e serán un rebaño cun só pastor. 17 Por iso o Pai ámame. Porque dou a miña vida para tomala outra vez. 18 Ninguén ma quita, senón que eu a dou por vontade propia. Teño autoridade para dala, e teño autoridade para tomala outra vez.Este mandamento recibín do meu Pai. 19 Outra vez volveu a división entre os xudeus por estas palabras. 20 E moitos deles dicían: Ten un demo no corpo e está tolo. Por que lle facedes caso?. 21 Outros dicían: Estas palabras non son as dun endemoniado. Pode un demo abrir os ollos dos cegos? 22 Neses días celebrábase en Xerusalém a festa da Dedicación. 23 Era inverno e Xesús andaba polo templo, no pórtico de Salomón. 24 Entón os xudeus rodeárono e dicíanlle: Até cando te vas facer de rogar?. Se ti es o Cristo, dínolo con claridade. 25 Xesús respondeulles: Xa volo dixen e non credes; as obras que fago no nome do meu Pai, esas testemuñan de min. 26 Pero vós non credes porque non sodes das miñas ovellas. 27 As miñas ovellas ouven a miña voz, e eu coñézoas e síguenme. 28 E eu doulles vida eterna e non han perecer nunca, e ninguén mas poderá quitar da miña man. 29 O que o meu Pai me deu é maior que todo e ninguén poderá quitalo das mans do meu Pai. 30 Eu e o Pai somos un. 31 Os xudeus tomaron pedras para llas lanzar. 32 Xesús díxolles: Mostreivos moitas obras boas que son do pai, por cal delas me apedrexades?. 33 Os xudeus contestáronlle: non te lapidamos por ningunha obra boa senón por blasfemia; e porque ti, sendo home, faste Deus. 34 Xesús díxolles: Non está escrito na vosa lei: Eu dixen: Sodes Deuses?. 35 Se aqueles, aos que a Palabra de Deus chegou, chamou deuses( e a Escritura non se pode violar); 36 quen o Pai santificou e enviou ao mundo, vós dicides: "Blasfemas", porque dixen " Eu son o Fillo de Deus"?. 37 Se non fago as obras do meu Pai, non creades en min; 38 pero se as fago, aínda que non creades en min, crede as obras; para que saibades e entendades que o Pai está en min e eu no Pai. 39 Por iso procuraban prendelo otra vez, pero escapóuselle das mans. 40 Marchou outra vez para o outro lado do Xordán, ao lugar onde Xoán estivera bautizando, e ficou alí. 41 Moitos viñeron a el e dicían: Xoán non fixo ningún sinal, porén, todo o que dixo Xoán de este, era verdade. 42 E moitos alí creron nel.