Capítulo 59

Para o director do coro, segundo tonada de Non destrúas. Mictam de David, cando Saúl enviou homes e vixiaron a casa para matalo. 1 Líbrame dos meus inimigos, Ó Deus! ponme a salvo no alto, lonxe dos que se levantan contra min. 2 Líbrame dos que fan iniquidade, e sálvame dos homes sanguinarios. 3 Porque, velaí, puxeron emboscada contra a miña vida; atácanme homes feroces, pero non é pola miña transgresión nen polo meu pecado, Señor. 4 Sen eu ter culpa, corren e prepáranse contra min. Esperta para me axudar, e olla. 5 Ti, Iahveh, Deus dos exércitos, Deus de Israel, esperta para dar castigo a todas as nacións; non teñas piedade de ningún inicuo traidor. 6 Voltan pola noitiña, ladran coma cans, e percorren a cidade. 7 Velaí, gábanse coa súa boca; nos seus beizos hai espadas pois din: quen nos ouve? 8 Pero ti, Deus, riraste deles; fas burla a todas as nacións. 9 Esperarei en ti a causa da túa forza, porque Deus é o meu castelo. 10 O meu Deus na súa misericordia, virá ao meu encontro; Deus permitirame ollar vencidos os meus inimigos. 11 Non os mates, para que o meu pobo non se esqueza, dispérsaos co teu poder e humíllaos. 12 Polo pecado da súa boca, e a palabra dos seus beizos, serán presos na súa vaidade, e polas maldicións e mentiras que contan. 13 Consúmeos no teu furor, consúmeos, para que xa non existan, para que os homes saiban que Deus goberna en Jacob, até aos fins da terra. 14 Voltan pola noitiña, ladran coma cans, e percorren a cidade; 15 Rondan na procura de devorar, e se non se fartan, rosman. 16 Pero eu hei cantar do teu poder, si, gozoso cantarei pola mañá a túa misericordia; porque ti fuches o meu baluarte, e un refuxio no día da miña anguria. 17 Ó miña fortaleza! a ti cantarei louvanzas; porque o meu baluarte é Deus, o Deus que me mostra misericordia.