1
Entón Iahveh díxolle a Moisés: Vai a Faraón e dille: “Así di Iahveh, o Deus dos hebreos: ‘Deixa marchar ao meu pobo para que me sirva.
2
Porque se te negas deixalos marchar e os segues a deter,
3
velaí, a man de Iahveh virá con gravísima pestilencia sobre os teus gandos que están no campo: sobre os cabalos, sobre os burros, sobre os camelos, sobre as vacadas e sobre as ovellas.
4
Pero Iahveh fará distinción entre os gandos de Israel e os gandos de Exipto, e nada perecerá de todo o que pertence aos fillos de Israel.’”
5
E Iahveh fixou un prazo definido, dicindo: Mañá Iahveh fará isto na terra.
6
E Iahveh fixo isto ao día seguinte, e pereceron tódolos gandos de Exipto; pero dos gandos dos fillos de Israel, nin un só animal morreu.
7
E Faraón enviou ver, e velaí, nin un só animal dos gandos de Israel perecera. Pero o corazón de Faraón endureceuse e non deixou marchar ao pobo.
8
Entón Iahveh díxolles a Moisés e a Aarón: Collede mancheas de borra dun forno, e que Moisés a espalle cara o ceo na presenza de Faraón;
9
e converterase en po fino sobre toda a terra de Exipto, e producirá furunchos que resultarán en úlceras nos homes e nos animais, por toda a terra de Exipto.
10
Colleron, pois, borra dun forno, e presentáronse diante de Faraón, e Moisés lanzouna cara ao ceo, e produciu furunchos que resultaron en úlceras nos homes e nos animais.
11
E os magos non podían estar diante de Moisés a causa dos furunchos, pois os furunchos estaban tanto nos magos coma en tódolos exipcios.
12
E Iahveh endureceu o corazón do Faraón e non os escoitou, tal coma Iahveh lle dixera a Moisés.
13
Entón díxolle Iahveh a Moisés: Érguete moi cedo, e ponte diante de Faraón, e dille: “Así di Iahveh, o Deus dos hebreos: ‘Deixa marchar ao meu pobo para que me sirva.
14
Porque esta vez enviarei tódalas miñas pragas sobre ti, sobre os teus servos e sobre o teu pobo, para que saibas que non hai outro coma min en toda a terra.
15
Porque se eu tivera estendido a miña man e tivérate ferido a ti e ao teu pobo con pestilencia, xa terías sido cortado da terra.
16
Pero certamente, por esta razón permitinche permaneceres : para te amosar o meu poder e para proclama-lo meu nome por toda a terra.
17
E aínda te enalteces contra o meu pobo non os deixando ir.
18
Velaí, mañá coma a esta hora, enviarei pedrazo moi pesado, tal coma non houbo en Exipto dende o día que se fundou até agora.
19
Agora pois, manda poñer a salvo os teus gandos e todo o que tes no campo, porque todo home e todo animal que se atope no campo, e non se refuxien na casa, morrerán cando caia sobre eles a sarabia.’”
20
O que de entre os servos de Faraón tivo medo da palabra de Iahveh, fixo poñer a salvo aos seus servos e os seus gandos nas súas casas.
21
pero o que non fixo caso á palabra de Iahveh, deixou os seus servos e os seus gandos no campo.
22
E Iahveh díxolle a Moisés: Estende a túa man cara ao ceo para que caia pedrazo en toda a terra de Exipto, sobre os homes, sobre os animais e sobre toda planta do campo por toda a terra de Exipto.
23
E estendeu Moisés a súa vara cara ao ceo, e Iahveh enviou tronos e pedrazo, e caeu lume sobre a terra de Exipto.
24
E houbo sarabia moi intensa, e lume tremelucindo de seguido en medio do pedrazo, moi pesado, tal coma non houbera en toda a terra de Exipto dende que chegara a ser unha nación.
25
E o pedrazo feriu todo o que había no campo por toda a terra de Exipto, tanto homes coma animais; a sarabia feriu tamén toda planta do campo, e derramou tódalas árbores do campo.
26
Só na terra de Gosén, onde estaban os fillos de Israel, non houbo pedrazo.
27
Entón Faraón mandou chamar a Moisés e Aarón e díxolles: Esta vez pequei; Iahveh é xusto, e eu e o meu pobo somos os impíos.
28
Rogade a Iahveh, porque xa houbo tronos e pedrazo abondo de parte de Deus; e deixareivos marchar e non vos quedaredes máis aquí.
29
E Moisés díxolle: Tan pronto coma eu saia da cidade, estenderei as miñas mans a Iahveh; os tronos cesarán, e non haberá máis sarabia, para que saibas que a terra é de Iahveh.
30
En canto a ti e aos teus servos, sei que aínda non temedes a Iahveh Deus.
31
(E o liño e o orxo foron estragados, pois o orxo estaba en espiga e o liño estaba en flor;
32
pero o trigo e o centeo non foron destruídos, por seren tardíos.)
33
E saíu Moisés da cidade, da presenza de Faraón, e estendeu as súas mans a Iahveh, e os tronos e o pedrazo pararon, non caeu máis choiva sobre a terra.
34
Mais cando Faraón viu que a choiva, a sarabia e os tronos pararan, pecou de novo, e endureceu o seu corazón, tanto el coma os seus servos.
35
E endureceuse o corazón de Faraón e non deixou marchar aos fillos de Israel, tal coma Iahveh dixera por medio de Moisés.