Capítulo 8

1 Entón Iahveh díxolle a Moisés: Vai a Faraón e dille: “Así di Iahveh: ‘Deixa marchar ao meu pobo para que me sirva. 2 Pero se te negas deixalos ir, velaí, ferirei todo o teu territorio con ras. 3 E o Nilo encherase de ras, que subirán e entrarán no teu pazo, no teu carto e sobre a túa cama, e nas casas dos teus servos e no teu pobo, nos teus fornos e nas túas artesas. 4 E subirán as ras sobre ti, sobre o teu pobo e sobre tódolos teus servos.’” 5 Díxolle ademais Iahveh a Moisés: Di a Aarón: “Estende a túa man coa túa vara sobre os ríos, sobre os regatos e sobre os estanques, e fai que suban ras sobre a terra de Exipto.” 6 E estendeu Aarón a súa man sobre as augas de Exipto, e as ras subiron e cubriron a terra de Exipto. 7 E os magos fixeron o mesmo cos seus encantamentos, e fixeron subir ras sobre a terra de Exipto. 8 Entón Faraón chamou a Moisés e a Aarón, e díxolle: Rogade a Iahveh para que quite as ras de min e do meu pobo, e eu deixarei ir ao pobo para que ofreza sacrificios a Iahveh. 9 E Moisés díxolle a Faraón: Dígnate me dicires cando hei de rogar por ti, polos teus servos e polo teu pobo, para que as ras sexan tiradas de ti e dos teus pazos e fiquen soamente no río. 10 E el respondeulle: Mañá. Entón Moisés díxolle: Sexa consonte á túa palabra para que saibas que non hai ninguén coma Iahveh o noso Deus. 11 E as ras afastaranse de ti, dos teus pazos, dos teus servos e do teu pobo; só ficarán no Nilo. 12 Entón Moisés e Aarón saíron da presenza de Faraón, e Moisés berroulle a Iahveh en canto as ras que El puxera sobre Faraón. 13 E Iahveh fixo consonte á palabra de Moisés e morreron as ras das casas, dos patios e dos campos. 14 E xuntáronas en montóns, e a terra corrompeuse. 15 Pero ao ver Faraón que había alivio, endureceu o seu corazón e non os escoitou, tal coma Iahveh dixera. 16 Entón Iahveh díxolle a Moisés: Dille a Aarón: “Estende a túa vara e golpea o po da terra para que se converta en piollos por toda a terra de Exipto.” 17 E así o fixeron: e Aarón estendeu a súa man coa súa vara, e golpeou o po da terra, e houbo piollos en homes e animais. Todo o po da terra converteuse en piollos por todo o país de Exipto. 18 E os magos trataron de producir piollos cos seus encantamentos, pero non puideron; houbo, pois, piollos en homes e animais. 19 Entón os magos dixéronlle a Faraón: Este é o dedo de Deus. Pero o corazón de Faraón endureceuse e non os escoitou, tal coma Iahveh dixera. 20 E Iahveh díxolle a Moisés: Érguete moi cedo e ponte diante de Faraón cando vaia ao río, e dille: “Así di Iahveh: ‘Deixa marchar ao meu pobo para que me sirva. 21 Porque se non deixas marchar ao meu pobo, velaí, enviarei enxames de insectos sobre ti, sobre os teus servos, sobre o teu pobo e dentro dos teus pazos; e as casas dos exipcios encheranse de enxames de insectos, e tamén o chan sobre o cal están. 22 Mais naquel día eu porei aparte a terra de Gosén na que mora o meu pobo, para que non haxa alí enxames de insectos, a fin de que saibas que eu, Iahveh, estou en medio da terra; 23 e eu farei distinción entre o meu pobo e o teu pobo. Mañá terá lugar este sinal.’” 24 E así o fixo Iahveh. E entraron grandes enxames de insectos no pazo de Faraón e nas casas dos seus servos, e en todo o país de Exipto a terra foi devastada a causa dos enxames de insectos. 25 Entón chamou Faraón a Moisés e a Aarón, e díxolles: Ide, ofrecede sacrificio ao voso Deus dentro do país. 26 Pero Moisés respondeulle: Non convén que o fagamos así, porque é abominación para os exipcios o que sacrificaremos a Iahveh noso Deus. Se sacrificamos o que é abominación para os exipcios diante dos seus ollos, non nos apedrarán? 27 Andaremos unha distancia de tres días de camiño no deserto, e ofreceremos sacrificios a Iahveh noso Deus, tal coma El nos manda. 28 E Faraón díxolle: Deixareivos ir para que ofrezades sacrificio a Iahveh voso Deus no deserto, só que non vaiades moi lonxe. Orade por min. 29 Entón díxolle Moisés: Velaí, vou saír da túa presenza e rogarei a Iahveh que os enxames de insectos se arreden mañá de Faraón, dos seus servos e do seu pobo; pero que Faraón non volva obrar con engano, non deixando ir ao pobo a ofrecer sacrificios a Iahveh. 30 E saíu Moisés da presenza de Faraón e orou a Iahveh. 31 E Iahveh fixo coma Moisés lle pediu, e tirou os enxames de insectos de Faraón, dos seus servos e do seu pobo; non ficou nin un só. 32 Pero Faraón endureceu o seu corazón tamén esta vez e non deixou saír ao pobo.