1
Entón Iahveh díxolle a Moisés: Olla, eu fágote coma Deus para Faraón, e teu irmán Aarón será o teu profeta.
2
Ti falarás todo o que che eu mande, e Aarón teu irmán falaralle a Faraón, para que deixe saír da súa terra aos fillos de Israel.
3
Pero eu endurecerei o corazón de Faraón para multiplicar os meus sinais e os meus prodixios na terra de Exipto.
4
E Faraón non vos escoitará; entón porei a miña man sobre Exipto e tirarei da terra de Exipto os meus exércitos, o meu pobo os fillos de Israel, con grandes castigos.
5
E saberán os exipcios que eu son Iahveh, cando eu estenda a miña man sobre Exipto e tire de en medio deles os fillos de Israel.
6
E fixeron Moisés e Aarón coma Iahveh lles mandou; así o fixeron.
7
Moisés tiña oitenta anos e Aarón oitenta e tres cando falaron a Faraón.
8
E faloulles Iahveh a Moisés e a Aarón, dicindo:
9
Cando vos fale Faraón, e diga: “Facede unha milagre”, entón diraslle a Aarón: “Colle a túa vara e bótaa diante de Faraón para que se converta en serpe.”
10
Viñeron, pois, Moisés e Aarón a Faraón e fixeron tal coma Iahveh lles mandara; e Aarón botou a súa vara diante de Faraón e dos seus servos, e esta converteuse en serpe.
11
Entón Faraón chamou tamén os sabios e os feiticeiros, e tamén eles, os magos de Exipto, fixeron o mesmo cos seus encantamentos;
12
pois cada un botou a súa vara, as cales se converteron en serpes. Pero a vara de Aarón devorou as varas deles.
13
Pero o corazón de Faraón endureceuse e non os escoitou, tal coma Iahveh dixera.
14
Entón Iahveh díxolle a Moisés: O corazón de Faraón é teimudo; négase deixar marchar ao pobo.
15
Preséntate a Faraón pola mañá cando vaia ao río, e ponte na beira do Nilo para te atopares con el; e colle na túa man a vara que se converteu en serpe.
16
E dille: “Iahveh, o Deus dos hebreos, envioume a ti, dicindo: ‘Deixa marchar ao meu pobo para que me sirva no deserto. Mais velaí, ata agora non escoitaches.’
17
Así di Iahveh: ‘Nisto coñecerás que eu son Iahveh; velaí, eu golpearei coa vara que está na miña man as augas que están no Nilo, e converteranse en sangue.
18
E os peixes que hai no Nilo morrerán, e o río corromperase e os exipcios terán noxo de beberen a auga do Nilo.’”
19
E Iahveh díxolle a Moisés: Dille a Aarón: “Colle a túa vara e estende a túa man sobre as augas de Exipto, sobre os seus ríos, sobre os seus regatos, sobre os seus estanques e sobre tódolos seu depósitos de auga, para que se convertan en sangue; e haberá sangue por toda a terra de Exipto, tanto nas vasillas de pau coma nas de pedra.”
20
Así o fixeron Moisés e Aarón, tal coma Iahveh lles ordenara. E alzou Aarón a vara e golpeou as augas que había no Nilo ante os ollos de Faraón e dos seus servos, e tódalas augas que había no Nilo convertéronse en sangue.
21
E os peixes que había no Nilo morreron e o río corrompeuse, de xeito que os exipcios non podían beber auga do Nilo. E había sangue por toda a terra de Exipto.
22
Pero os magos de Exipto fixeron o mesmo cos seus encantamentos; e o corazón de Faraón endureceuse e non os escoitou, tal coma Iahveh dixera.
23
Entón volveuse Faraón e entrou no seu pazo, sen facer caso tampouco disto.
24
E tódolos exipcios cavaron nos arredores do Nilo na procura de auga para beberen, porque non podían beber das augas do Nilo.
25
E pasaron sete días despois de que Iahveh ferise ao Nilo.