1
Respondeulle Iahveh a Moisés: Agora verás o que farei a Faraón; porque pola forza os deixará marchar; e pola forza os votara da súa terra.
2
Continuou falando Deus a Moisés, e díxolle: Eu son Iahveh;
3
e aparecinme a Abraham, a Isaac e a Jacob coma Deus Todopoderoso, mais polo meu nome, Iahveh, non me din a coñecer a eles.
4
Tamén establecín o meu pacto con eles, de lles dar a terra de Canaán, a terra onde peregrinaron.
5
E ademais, ouvín o xemido dos fillos de Israel, porque os exipcios téñenos escravizados, e lembreime do meu pacto.
6
Por tanto, dille aos fillos de Israel: “Eu son Iahveh, e tirareivos de debaixo das cargas dos exipcios, e librareivos da súa escravitude, e redimireivos con brazo estendido e con castigos grandes.
7
”E tomareivos por pobo meu, e eu serei voso Deus; e saberedes que eu son Iahveh o voso Deus, que vos tirou de debaixo das cargas dos exipcios.
8
E traereivos á terra que xurei dar a Abraham, a Isaac e a Jacob, e daréivola por herdanza. Eu son Iahveh.”
9
Deste xeito faloulles Moisés aos fillos de Israel, pero eles non escoitaron a Moisés a causa do desalento e da dura servidume.
10
Entón falou Iahveh a Moisés, dicindo:
11
Vai, fálalle a Faraón, rei de Exipto, para que deixe saír aos fillos de Israel da súa terra.
12
Pero Moisés falou diante de Iahveh, dicíndolle: Velaí, os fillos de Israel non me escoitaron; como, pois, me escoitará Faraón, sendo eu torpe de palabra?
13
Entón Iahveh faloulles a Moisés e a Aarón, e deulles ordes para os fillos de Israel e para Faraón, rei de Exipto, a fin de tirar aos fillos de Israel da terra de Exipto.
14
Estes son os xefes das casas paternas. Os fillos de Rubén, primoxénito de Israel: Hanoc, Falú, Hezrón, e Carmi. Estas son as familias de Rubén.
15
E os fillos de Simeón: Jemuel, Jamín, Ohad, Jaquín, Zohar e Saúl, fillo dunha cananea. Estas son as familias de Simeón.
16
E estes son os nomes dos fillos de Leví segundo as súas xeracións: Gersón, Coat e Merari. E os anos da vida de Leví foron cento trinta e sete anos.
17
Os fillos de Gersón: Libni e Simei, segundo as súas familias.
18
E os fillos de Coat: Amram, Izhar, Hebrón e Uziel. E os anos da vida de Coat foron cento trinta e tres anos.
19
E os fillos de Merari: Mahli e Musi. Estas son as familias dos levitas segundo as súas xeracións.
20
E Amram tomou por muller a Jocabed, a súa tía, e ela deulle a luz a Aarón e a Moisés, e os anos da vida de Amram foron centro trinta e sete anos.
21
E os fillos de Izhar: Coré, Nefeg e Zicri.
22
E os fillos de Uziel: Misael, Elzafán e Sitri.
23
E Aarón tomou por muller a Eliseba, filla de Aminadab, irmá de Naasón, e ela deulle a luz a Nadab, Abiú, Eleazar e Itamar.
24
E os fillos de Coré: Asir, Elcana e Abiasaf. Estas son as familias dos coreítas.
25
E Eleazar, fillo de Aarón, tomou por muller a unha das fillas de Futiel, e ela deu a luz a Finees. Estes son os xefes das casas paternas dos levitas, segundo as súas familias.
26
Estes son Aarón e Moisés a quen lles dixo Iahveh: Tirade os fillos de Israel da terra de Exipto polos seus exércitos.
27
Eles foron os que falaron a Faraón, rei de Exipto, para tirar os fillos de Israel de Exipto, isto é, Moisés e Aarón.
28
E sucedeu que o día que Iahveh falou a Moisés na terra de Exipto,
29
Iahveh faloulle a Moisés, dicindo: Eu son Iahveh; dille a Faraón, rei de Exipto, todo o que eu che diga.
30
Pero Moisés dixo diante de Iahveh: Velaí, eu son torpe de palabra, como, pois, me escoitará Faraón?