1
Despois Moisés e Aarón foron e dixéronlle a Faraón: Así di Iahveh, Deus de Israel: “Deixa marchar ao meu pobo para que me celebre a festa no deserto.”
2
Pero Faraón díxolles: Quen é Iahveh para que eu escoite a súa voz e deixe marchar a Israel? Non coñezo a Iahveh, e amais, non deixarei marchar a Israel.
3
Entón eles dixeron: O Deus dos hebreos saíunos ao encontro. Déixanos marchar, rogámoscho, camiño de tres días ao deserto para ofrecermos sacrificios a Iahveh noso Deus, non sexa que veña sobre nós con pestilencia ou con espada.
4
Pero o rei de Exipto díxolles: Moisés e Aarón, por que apartades ao pobo dos seus traballos? Volvede aos vosos labores.
5
E engadiu Faraón: Ollade, o pobo da terra é agora moito, e vós queredes que eles cesen nos seus labores!
6
Aquel mesmo día, deu ordes Faraón aos capataces que estaban sobre o pobo, e aos seus xefes, dicíndolles:
7
Xa non daredes, coma antes, palla ao pobo para faceren ladrillos; que vaian eles e recollan palla por si mesmos.
8
Pero esixiredes deles a mesma cantidade de ladrillos que facían antes; non a diminuades no máis mínimo. Porque son preguiceiros, por iso berran, dicindo: “Déixanos marchar ofrecermos sacrificios a noso Deus.”
9
Recárguese o traballo sobre estes homes, para que estean ocupados nel e non presten atención a palabras falsas.
10
Saíron, pois, os capataces do pobo e os seus xefes e faláronlle ao pobo, dicindo: Así di Faraón: “Non vos darei palla.
11
Ide vós mesmos e recollede palla onde a atopedes; pero vosa tarefa non será diminuída no máis mínimo.”
12
Entón o pobo espallouse por toda a terra de Exipto para recolleren restrollos no lugar de palla.
13
E os capataces apurábanos , dicíndolles: Rematade as vosas tarefas, a vosa tarefa decote, coma cando tiñades palla.
14
E azoutaban aos xefes dos fillos de Israel que os capataces puxeran sobre eles, dicíndolles: Por que non rematastes, nin onte nin hoxe, a cantidade de ladrillos requirida coma antes?
15
Entón os xefes dos fillos de Israel foron e berráronlle a Faraón, dicíndolle: Por que tratas así aos teus servos?
16
Non se lles dá palla aos teus servos, non obstante seguen a nos diciren: “Facede ladrillos.” Velaí, os teus servos son azoutados; pero a culpa é do teu pobo.
17
Pero el díxolles: Sodes preguiceiros, moi preguiceiros; por iso dicides: “Déixanos marchar ofrecermos sacrificios a Iahveh.”
18
Agora pois, ide e traballade; pero non se vos dará palla, non obstante, debedes entregar a mesma cantidade de ladrillos.
19
Os xees dos fillos de Israel déronse de conta de que estaban en apuros, cando lles dixeron: Non debedes diminuír a vosa cantidade cotián de ladrillos.
20
Ao saíren da presenza de Faraón, topáronse con Moisés e Aarón, que os estaban a agardar.
21
E dixéronlles: Olle Iahveh sobre vós e xúlguevos, pois nos fixestes odiosos diante dos ollos de Faraón e diante dos ollos dos seus servos, poñéndolles unha espada na man para que nos maten.
22
Entón volveuse Moisés a Iahveh, e díxolle: Oh Señor, por que lle fixeches mal a este pobo? Por que me enviaches?
23
Pois dende que fun a Faraón falarlle no teu nome, el fíxolle mal a este pobo, e ti non fixeches ren por librares ao teu pobo.