Capítulo 4

1 Moisés respondeu, e díxolle: E se non me cren, nin escoitan a miña voz? Porque quizais digan: “Non se che apareceu Iahveh.” 2 E Iahveh díxolle: Que é iso que tes na man? E el respondeulle: Unha vara. 3 Entón El díxolle: Bótaa na terra. E el botouna na terra e converteuse nunha serpe; e Moisés fuxiu dela. 4 Pero Iahveh díxolle a Moisés: Estende a túa man e agárraa pola cola. E el estendeu a man, agarrouna, e volveuse vara na súa man. 5 Por isto crerán que se che apareceu Iahveh, o Deus de seus pais, o Deus de Abraham, o Deus de Isaac e o Deus de Jacob. 6 E engadiu Iahveh: Agora mete a man no teu peito. E el meteu a man no seu peito, e cando a tirou, velaí, a súa man estaba leprosa, branca coma a neve. 7 Entón El díxolle: Volve meter a man no teu peito. E el volveu meter a man no seu peito, e cando a tirou do seu peito, velaí, volvérase coma o resto da súa carne. 8 E acontecerá que se non te cren, nin obedecen o testemuño do primeiro sinal, quizais crean o testemuño do segundo sinal. 9 E sucederá que se aínda non cren estes dous sinais, nin escoitan a túa voz, entón tomarás auga do Nilo e derramarala sobre a terra enxoita; e a auga que collas do Nilo converterase en sangue sobre a terra enxoita. 10 Entón Moisés díxolle a Iahveh: Por favor, Señor, nunca fun home elocuente, nin onte nin en tempos pasados, nin aínda despois de que falases ao teu servo; porque son tardo na fala e torpe de lingua. 11 E Iahveh díxolle: Quen lle fixo a boca ao home? Ou que fai o home mudo ou xordo, con vista ou cego? Non son eu, Iahveh? 12 E agora pois, vai, e eu estarei coa túa boca, e ensinareiche o que haxas de falar. 13 Pero el díxolle: Rógoche, Señor, envía agora a mensaxe por medio de quen ti queiras. 14 Entón acendeuse a ira de Iahveh contra Moisés, e díxolle: Non está alí teu irmán Aarón, o levita? Eu sei que el fala ben. E amais, velaí, el sae a te recibir; ao te ver, aledarase no seu corazón. 15 E ti falaraslle, e poñerás as palabras na súa boca; e eu estarei coa túa boca e coa súa boca e vos ensinarei o que habedes de facer. 16 Amais, el falará por ti ao pobo; e el servirache coma boca e ti serás para el coma Deus. 17 E tomarás na túa man esta vara coa cal farás os sinais. 18 Moisés foise e volveu á casa do seu sogro Jetro, e díxolle: Rógote que me deixes ir para volver a meus irmáns que están en Exipto, e ver se aínda viven. E Jetro díxolle a Moisés: Vai en paz. 19 E Iahveh díxolle a Moisés en Madián: vai, volve a Exipto, porque morreron tódolos homes que te querían matar. 20 Moisés tomou súa muller e seus fillos, montounos nun burro e volveu á terra de Exipto. Tomou tamén Moisés a vara de Deus na súa man. 21 E Iahveh díxolle a Moisés: Cando volvas a Exipto, mira que fagas diante de Faraón tódalas marabillas que puxen na túa man; mais eu endurecerei o seu corazón de xeito que non deixará marchar o pobo. 22 Entón dirás a Faraón: “Así di Iahveh: ‘Israel é o meu fillo, o meu primoxénito. 23 E díxenche: “Deixa marchar a meu fillo para que me sirva”, pero negácheste a deixalo marchar. Velaí, matarei a teu fillo, o teu primoxénito.’” 24 E aconteceu que nunha pousada no camiño, Iahveh saíulle o encontro e quixo matalo. 25 Entón Séfora tomou un pedernal , cortou o prepucio de seu fillo e botouno aos xenitais de Moisés, e díxolle: Ti es, certamente, un home de sangue para min. 26 E Deus deixouno. Ela dixera entón: Es esposo de sangue, a causa da circuncisión. 27 E Iahveh díxolle a Aarón: Vai ao encontro de Moisés no deserto. E el foi e saíulle ao encontro no monte de Deus, e bicouno. 28 E contou Moisés a Aarón tódalas palabras de Iahveh coas cales enviábao, e tódolos sinais que lle mandara facer. 29 Entón foron Moisés e Aarón e xuntaron tódolos anciáns dos fillos de Israel; 30 E Aarón falou tódalas palabras que Deus falara a Moisés. Este fixo entón os sinais na presenza do pobo. 31 E o pobo creu. E ao ouvir que Iahveh visitara os fillos de Israel e vira a súa aflición, prostráronse e adoraron.