Capítulo 3

1 E Moisés apacentaba o rabaño de Jetro seu sogro, sacerdote de Madián; e conduciu o rabaño cara a banda occidental do deserto, e chegou a Horeb, o monte de Deus. 2 E aparecéuselle Iahveh nunha chama de fogo, no medio dunha silva; e Moisés ollou, e velaí, a silva ardía en lume, e a silva non se daba consumido. 3 Entón díxose Moisés: Achegareime agora para ver esta marabilla: por que a silva non se da queimado. 4 Cando Iahveh viu que el se achegaba para ollar, Deus chamouno do medio da silva, e díxolle: Moisés, Moisés! E el respondeu: Aquí estou. 5 Entón El díxolle: Non te achegues aquí; tira as sandalias dos teus pes, porque o lugar onde estás de pe é terra santa. 6 E engadiu: Eu son o Deus de teu pai, o Deus de Abraham, o Deus de Isaac e o Deus de Jacob. Entón Moisés cubriu o seu rostro, porque tiña medo de ollar a Deus. 7 E Iahveh díxolle: Certamente vin a aflición do meu pobo que está en Exipto, e escoitei os seus berros a causa dos seus capataces, pois estou consciente dos seus sufrimentos. 8 E descendín para os librar da man dos exipcios, e para tiralos daquela terra a unha terra boa e espazosa, a unha terra que mana leite e mel, ao lugar dos cananeos, dos hititas, dos amorreos, dos ferezeos, dos heveos e dos jebuseos. 9 E agora, velaí, os berros dos fillos de Israel chegaron ata min, e amais vin a opresión con que os exipcios os oprimen. 10 Agora pois, ven e heite enviar a Faraón, para que tires meu pobo, os fillos de Israel, de Exipto. 11 Pero Moisés díxolle a Deus: Quen son eu para ir a Faraón, e tira-los fillos de Israel de Exipto? 12 E El díxolle: Certamente eu estarei contigo, e o sinal para ti de que son eu o que te enviou será este: cando tires o pobo de Exipto adoraredes a Deus neste monte. 13 Entón díxolle Moisés a Deus: Velaí, se vou aos fillos de Israel e lles digo: “O Deus dos vosos pais envioume a vós,” quizais me digan: “Cal é o seu nome?”, que lles responderei? 14 E Deus díxolle a Moisés: EU SON O QUE ESTOU. E engadiu: Así diraslle aos fillos de Israel: “EU ESTOU envioume a vós.” 15 Díxolle ademais Deus a Moisés: Así diraslles aos fillos de Israel: “Iahveh, o Deus de vosos pais, o Deus de Abraham, o Deus de Isaac e o Deus de Jacob, envioume a vós.” Este é o meu nome para sempre, e con el farase memoria de min de xeración en xeración. 16 Vai e xunta os anciáns de Israel, e dilles: “Iahveh, o Deus de vosos pais, o Deus de Abraham, de Isaac e de Jacob, aparecéuseme, dicindo: ‘Certamente visiteivos e vin o que se vos fixo en Exipto. 17 E díxenme: Tirareivos da aflición de Exipto á terra do cananeo, do hitita, do amorreo, do ferezeo, do heveo e do jebuseo, a unha terra que mana leite e mel.’” 18 E eles escoitarán a túa voz: e ti irás cos anciáns de Israel ao rei de Exipto, e dirédeslle: “Iahveh, o Deus dos hebreos, saíunos ao encontro. Agora pois, permite que vaiamos tres días de camiño ao deserto para ofrecermos sacrificios a Iahveh noso Deus.” 19 Pero eu sei que o rei de Exipto non vos deixará marchar, se non é pola forza. 20 Pero eu estenderei a miña man e ferirei Exipto con tódolos prodixios que farei no medio del, e despois disto, deixaravos ir. 21 E dareille a este pobo graza ante os ollos dos exipcios; e sucederá que cando vos marchedes, non vos iredes cas mans baleiras. 22 Senón que cada muller pedirá á súa veciña e á que vive na súa casa obxectos de prata, obxectos de ouro e vestidos; e poñerédelos sobre os vosos fillos e sobre as vosas fillas. Así despoxaredes aos exipcios.