Capítulo 21

1 Logo vin un ceo novo e unha terrra nova, porque o primeiro ceo e a primeira terra xa pasaran, e o mar xa non existía. 2 Vin que descendía do ceo, de Deus a cidade santa: unha nova Xerusalén disposta como unha noiva engalanada para o seu esposo. 3 Oín unha voz grande dende o trono que dicía: Velaí o tabernáculo de Deus onda os homes, morará con eles e eles serán o seu pobo, e Deus mesmo estará con eles. 4 El enxugará cada unha das bágoas dos seus ollos e xa non haberá mais morte nin pranto nin dor porque as primeiras cousas paxaron xa. 5 O que está sentado no trono dixo: Velaí que fago novas tódalas cousas, e engadiu: escribe: estas palabras son verdadeiras e cheas de fidelidade. 6 Díxome: "feito está. Eu son o Alfa e o Omega, o Principio e o Fin; a quen teña sede, dareille de balde da fonte da auga de vida". 7 O Vencedor será herdeiro de todo isto,; Eu serei o seu Deus, e el será o meu fillo. 8 Mais os covardes e incrédulos, os malvados e asasinos, os fornicarios, os bruxos e os idólatras e todos os que viven na mentira terán a súa parte no lago que arde con fogo e xofre, que é a morte segunda. 9 Vin un dos sete anxos que tiñan as sete cuncas cheas das sete pragas derradeiras, que falou comigo dicíndome: Ven, que che vou amosar a noiva, a esposa do Año. 10 Levoume en espírito á cima dun monte alto, e amosoume a cidade santa, Xerusalén, descendendo do ceo, de Deus. 11 E tiña a gloria de Deus, de tal xeito que o seu resplandor era coma a máis preciosa das pedras, unha pedra de xaspe transparente coma o cristal. 12 Tiña un muro alto e grande que ten doce portas, e enriba das portas doce anxos e uns nomes escritos que son as doce tribos dos fillos de Israel. 13 Tres portas polo Nacente tres portas polo Norte, outras tres portas polo Mediodía e tres portas polo Poñente. 14 O muro da cidade tiña doce alicerces, e neles os doce nomes dos doce apóstolos do Año. 15 E o que falaba comigo tiña unha medida, unha vara de ouro para medir a cidade, as portas e o muro. 16 A cidade está afirmada nun cadrado: a súa lonxitude e igual que a súa anchura. Mediu a cidade coa vara: doce mil estadios. A súa lonxitude, anchura e altura eran iguais. 17 Mediu tamén o muro, cento corenta e catro codos, medida de home, aquela que usou o anxo. 18 O material do muro era de xaspe, pero a cidade era de ouro puro semellante ao cristal puro. 19 Os alicerces do muro da cidade tiñan sido adornados con toda pedra preciosa: o primeiro alicerce, xaspe; o segundo zafiro; o terceiro calcedonia; o cuarto, esmeralda; 20 o quinto, sardónix; o sexto, cornalina; o séptimo, crisólito; o octavo, berilo; o noveno, topacio; o décimo crisópaso; o undécimo, xacinto; o duodécimo, amatista. 21 As doce portas eran doce perlas, cada unha das portas era de una soa perla, e a praza da cidade era de ouro puro, trasparente coma o cristal. 22 E eu non vin nela ningún santuario, porque o Señor, o Deus Todopoderoso e mailo Año é o santuario dela. 23 A cidade non precisa de luz do sol nin de lúa que a ilumine, porque a gloria de Deus a ilumina e o Año é a súa lámpada. 24 As nacións andarán á luz dela e os reis da terra entregaranlle a súa gloria. 25 Endexamais non se pecharán as portas de día, e alí non haberá noite. 26 As nacións levarán alí a súa gloria e o seu honor. 27 Endexamais non entrará nela ningunha cousa inmunda, abominable ou mentirosa, so entrarán aqueles que están inscritos no libro da vida do Año.