Capítulo 4

1 Polo tanto, teñamos temor, non sexa que aínda que permanecendo na promesa de entrar no seu sosego, algún de vós pareza non te-lo acadado. 2 Porque a nós anuncióusenos a boa nova, así como tamén a eles; mais a palabra que eles ouviron non lles foi de proveito por non ir acompañada pola fe dos que a ouviron. 3 Pero os que crimos, entramos nese sosego, tal como El dixo: "como xurei na miña ira: non entrarán no meu sosego", aínda que as súas obras estaban rematadas dende a fundación do mundo. 4 Porque así dixo nalgures no que respecta ao sétimo día: e Deus descansou no sétimo día de tódalas súas obras; 5 e outra vez nesta pasaxe: "non entrarán no meu sosego". 6 Polo tanto, xa que aínda falta que algúns entren nel, e aqueles aos que se lles anunciou antes a boa nova e non entraron por mor da súa desobediencia, 7 Deus determina de novo un día: "hoxe". Dicindo despois de moito tempo, por medio de David, como se tiña dito denantes: "se ouvides hoxe a súa voz, non endurezades o voso corazón." 8 Porque se Xosué lles tivera dado sosego, Deus non tería falado doutro día despois deste. 9 Polo tanto, queda un sosego sagrado para o pobo de Deus. 10 Xa que o que entrou no seu sosego, el mesmo descansou das súas obras, como Deus descansou das súas. 11 Polo tanto, esforcémonos por entrar no sosego, non sexa que ninguén caia no mesmo exemplo de desobediencia. 12 Porque a palabra de Deus é viva e eficaz, e máis cortante que calquera espada de dobre fío que penetra ata a división da alma e do espírito, das articulacións e da medula, e é poderosa para discernir os pensamentos e as intencións do corazón. 13 E diante da súa presenza non hai cousa creada que se lle esconda, senón que tódalas cousas están ao descuberto e espidas ante os ollos daquel a quen temos que dar contas. 14 Pois tendo un gran Sumo Sacerdote que trascendeu os ceos, Xesús, o Fillo de Deus, manteñámonos na nosa fe. 15 Porque non temos un Sumo Sacerdote que non poida compadecerse das nosas debilidades, senón un que foi tentado en todo coma nós, mais sen pecado. 16 Polo tanto, acheguémonos ao trono da graza con confianza para recibirmos misecicordia e acadar graza para a axuda oportuna.