Capítulo 13

1 Que o amor fraterno permaneza. 2 Non esquezades ser hospitaliarios, porque así algúns, sen se decataren, acolleron anxos. 3 Lembrádevos dos que están na cadea, coma presos xuntamente con eles, e dos maltratados, coma estando vós mesmos no corpo deles. 4 Que o matrimonio sexa cheo de honra e o leito matrimonial sen tacha, xa que Deus ha xulgar aos desvergonzados e adúlteros. 5 Que o voso xeito de vivir sexa sen avaricia de cartos, estade satisfeitos co que tendes, porque El dixo: "nunca te hei deixar, nen te abandonarei". 6 De xeito que podemos dicir cheos de bo ánimo: o Señor é o meu acubillo, non terei medo, haberá quen de facerme mal? 7 Lembrádevos dos que coidan de vós, que vos anunciaron a palabra de Deus; considerade cal foi o resultado da súa conduta e imitade a súa fe. 8 Xesús, o Mesías, é o mesmo, onte, hoxe e por sempre. 9 Non vos deixedes levar por doutrinas diferentes e alleas, pois mellor é que o corazón sexa fortalecido coa graza, e non co réxime de comidas do que non sacaron proveito ningún aqueles que o cumpriron. 10 Temos un altar do que non teñen dereito a comer os que serven no templo, 11 porque os corpos dos animais, dos que o sangue é levado polo sumo sacerdote ao lugar santísimo como ofrenda polo pecado, son queimados fóra do campamento. 12 Do mesmo xeito, tamén Xesús, para santificar o pobo polo seu sangue, padeceu fóra da porta. 13 Saiamos, entón, fóra do campamento para atoparnos con El, levando a súa aldraxe. 14 Porque non temos aquí unha cidade que permanece, senón que procuramos a que está por vir. 15 Ofrezamos decote, por medio del, un sacrificio de louvor a Deus, quere dicir, froito dos beizos que declaran o seu nome. 16 E de facer o ben e da axuda uns aos outros, non debedes esquecervos, porque eses son os sacrificios que lle agradan a Deus. 17 Prestade atención a aqueles que vos coidan e sede dóciles, porque eles velan polas vosas almas como quen ha de dar contas; para que o fagan con ledicia e non queixándose; porque isto non sería de proveito para vosoutros. 18 Orade por nós, pois estamos confiados de que temos unha conciencia boa, desexando vivir honradamente en tódalas cousas. 19 E aínda máis rógovos que fagades isto, para que volva a estar convosco canto antes. 20 E o Deus de paz, quen, por mor do sangue do pacto eterno, levantou de entre os mortos ao noso Señor Xesús, ao gran Pastor das ovellas, 21 vos perfecione en todo o bo para que fagades a súa vontade, así fará en nós o que é agradable diante del por medio de Xesús o Mesías, a quen sexa a gloria por sempre, amén. 22 Pídovos irmáns que soportedes esta palabra de conforto que vos escribín brevemente. 23 Sabede que o noso irmán Timoteo foi liberado, se vén axiña, ireivos visitar canda el. 24 Saudade a tódolos vosos dirixentes e a tódolos santos. Os da Italia mándavos saúdos. 25 Que a graza sexa con todos vós.