Capítulo 12

1 Xa que logo, tendo arredor noso unha tal nube de testemuñas, desprendámonos de todo peso, e do pecado que nos asedia, e corramos con aguante a carreira que temos por diante. 2 Co ollo posto en Xesús, o Autor da fe naquel que a leva á perfeción, quen pola ledicia posta diante del, soportou a cruz e desprezando as aldraxes, sentou á dereita do trono de Deus. 3 Meditade, pois en Aquel que soportou tal contradición de pecadores enriba de si, para que o voso ánimo non se canse nen esmoreza. 4 Pois aínda non resististes ata derramar sangue na vosa loita contra o pecado; 5 e esquecestes a recomendación que vos din como se lles fala aos fillos: "meu fillo, non despreces a disciplina do Señor, nen esmorezas cando El te rife, 6 porque o Señor a quen ama disciplínao, e castiga a todo aquel que recoñece por fillo". 7 Aguantade baixo a disciplina xa que Deus vos trata coma fillos; porque, que é o fillo a quen seu pai non disciplina? 8 Pero se quedades sen disciplina, aquela da que todos tomamos parte, entón é que sodes bastardos e non fillos. 9 Aínda máis, nós tivemos os nosos pais que nos disciplinaban e nos respetabámolos. Non nos habemos de someter con moita mais razón ao Pai dos espíritos para termos vida? 10 Porque eles, na verdade disciplináronos por poucos días segundo o seu criterio, pero Deus faino como cómpre, para que participemos da súa santidade. 11 É verdade que ningunha disciplina, no momento, parece ser causa de ledicia, senón de tristura; pero co tempo, dá un froito xusto e cheo de paz a tódolos que foron exercitados por medio dela. 12 Polo tanto, enfortecede as mans febles e os vosos xeonllos paralizados, 13 e facede vieiros dereitos para os vosos pés, para que o coxo no escorde, senón que sexa curado. 14 Procurade a paz con todos, e maila santidade, porque sen ela ninguén verá ao Señor; 15 tende moito coidado de que ningún sexa privado da graza de Deus, non sexa que xurdindo algunha raíz de amargura, vos chegue a perturbar e por ela moitos sexan contaxiados; 16 que non se atope ningún fornicario ou profano como Esaú, que por un xantar vendeu a súa primoxenitura. 17 Porque sabedes que aínda que despois por máis que quixo herdar a bendición, foi rexeitado (porque non atopou xeito de arrepentirse) aínda que a procurou con bágoas. 18 Porque non estades diante dun monte que se poida apalpar e que ardía con lume, e a escuridade, e as tebras, e a tormenta, 19 e o son da trompeta e a voz que falaba, que cando aqueles a escoitaron, pediron que non lles falara máis, 20 porque non soportaban o que se lles estaba a mandar: "aínda se unha besta toca o monte, será acantazada". 21 E tan terrible era o que vían, que Moisés dixo: "estou aterrado e tremendo". 22 Pola contra, vós achegástesvos ao monte Sión, e á cidade do Deus vivo: á Xesusalén celeste, e aos millleiros de anxos, 23 á igrexa dos primoxénitos inscritos nos ceos, a Deus, Xuíz de todos, e aos espíritos dos xustos feitos perfectos, 24 e a Xesús, mediador do novo pacto, e ó sangue rociado que fala mellor ca o de Abel. 25 Ollade que non rexeitedes ao que vos está falando, porque se non fuxiron aqueles que desprezaron aos que os instruían na terra, moito menos nós, se volvemos as costas ao que nos fala dende os ceos; 26 a súa voz fixo tremer a terra nese tempo, pero agora prométenos: "unha vez máis, Eu farei tremer non só a terra, senón tamén o ceo". 27 Ese "unha vez máis" indica a renovación de tódalas cousas provisionais porque son creadas,, para que permanezan aquelas que son inconmovibles. 28 Por iso, xa que recibimos un reino inconmovible, manteñamos a graza, pois por ela servimos a Deus dun xeito aceptable, con reverencia e respecto, 29 porque o noso Deus é lume que consume.