Capítulo 5

1 Pero tocante aos tempos e as ocasións, irmáns, non precisades que vos escriba. 2 Porque vós sabedes á perfección que o día do Señor chegará como o ladrón na noite, 3 Cando estean a dicir: Paz e seguridade! entón, como a dor da que está de parto, virá sobre eles de súpeto destrución, e non fuxirán de xeito ningún. 4 Pero vosoutros, irmáns, non estades nas tebras para que ese día vos sorprenda como ladrón, 5 porque todos sodes fillos da luz e do día; non somos da noite nen das tebras. 6 Non adormezamos pois, coma os demais, senón sexamos vixiantes e sobrios. 7 Porque os que durmen, pola noite durmen, e os que se emborrachan, emborráchanse pola noite. 8 Nós, que somos do día, sexamos sobrios e revistámonos coa coraza da fe e o amor, e co casco da esperanza de salvación. 9 Porque Deus non nos destinou para ira, senón para acadar a salvación por medio do noso Señor Xesús Cristo, 10 quen morreu por nós para que, xa sexa que esteamos espertos ou durmidos, vivamos xunta El. 11 Por iso, animádevos uns aos outros, e aconselládevos uns aos outros como sempre facedes. 12 Rogámosvos, irmáns, que respetedes aos que traballan entre vós e vos coidan no Señor e vos ensinan; 13 que os teñades en alto e amoroso aprecio por mor dos seus traballos. Tende paz os uns cos outros. 14 Exhortámosvos tamén a que advirtades aos desordenados, que lles deades azos aos desanimados e sexades unha axuda firme para os febles, e que teñades pacencia con todos. 15 Mirade que ninguén devolva a outro mal por mal, senón procurade sempre o bo os uns para cos outros, e para con todos. 16 Alegrádevos sempre! 17 Orade constantemente, dade grazas en todo, 18 porque esta é a vontade de Deus para vós en Cristo Xesús. 19 Non apaguedes o Espírito. 20 Non despreciedes as profecías, 21 senón examinádeo todo e quedádevos co que é bo. 22 Arredádevos de toda especie de mal. 23 E o mesmo Deus de paz, santificaravos por completo. E que todo o voso ser: espírito, alma e corpo, sexa gardado irreprensible na vinda de Xesús Cristo, o noso Señor. 24 O que vos chama é fiel, así que El tamén o ha facer . 25 Irmáns, orade por nós. 26 Saudade a tódolos irmáns cun bico santo. 27 Pídovos diante do Señor que esta carta sexa lida a tódolos irmáns. 28 A graza do noso Señor Xesús Cristo, sexa convosco.