Capítulo 4

1 Polo demais, irmáns, pedímosvos e animámosvos no Señor Xesús, que do mesmo xeito que aprendestes de nós como cómpre andar para agradar a Deus (que de certo, así o facedes) abundedes máis e máis niso. 2 Porque xa sabedes das instrucións que vos temos dado no nome do Señor Xesús. 3 Porque a vontade de Deus é a vosa santificación, que vos afastedes da fornicación, 4 que cada un de vós coide o seu propio corpo en santidade e honor, 5 sen se deixar gobernar pola paixón, coma os xentís que non coñecen a Deus, 6 que ninguén peque nen asoballe ao seu irmán neste asunto, porque como xa vos temos anunciado e testemuñado dun xeito solemne: o Señor vinga todas estas cousas. 7 Porque non nos chamou Deus a impureza, senón a santidade. 8 Polo tanto, o que non quere facer caso nisto, non rexeita a un ser humano, senón a Deus, quen é quen vos da o seu Espírito Santo. 9 Pero sobre o amor de irmáns, non precisades que vos escriba, porque vós mesmos sodes ensinados por Deus a vos amar uns aos outros, 10 cousa que en verdade facedes con todolos irmáns en toda a Macedonia, pero rogámosvos, irmáns, que o fagades máis e máis, 11 e que teñades como albo o vivir sosegados, e ocuparvos nos vosos propios asuntos traballando coas vosas propias mans, conforme vos temos mandado; 12 a fin de que andedes de xeito honesto cos de fóra, e non precisedes de nada. 13 Tampouco queremos, irmáns, que ignoredes sobre os mortos, para que non vos entristezades como aqueles que non teñen esperanza. 14 Porque se cremos que Xesús morreu e resucitou, do mesmo xeito Deus traerá con Xesús aos que durmiron nel. 15 Polo tanto dicímosvos isto apoiados na palabra do Señor; que nós, os que vivimos, aqueles que quedemos ata a vinda do Señor, non precederemos aos que durmiron. 16 Porque o Señor mesmo, con voz de mando, con voz de arcanxo e con trompeta de Deus, baixará do ceo e os mortos en Cristo resucitarán primeiro. 17 Despois nós, os que quedemos vivos, seremos arrebatados xunto con eles nas nubes para encontrarmos co Señor no aire, e así estaremos sempre co Señor. 18 Polo tanto, consoládevos uns aos outros con estas palabras.