Capítulo 4

1 Logo disto mirei, e vin unha porta aberta no ceo; e a primeira voz que escoitara, coma son de trompeta que falaba comigo, dicía: Sobe aquí e amosareiche o que debe suceder despois disto. 2 Ao momento estiven en espírito, e velaí un trono posto no ceo, e no trono, un sentado. 3 E o que estaba sentado semellaba no seu parecer a unha pedra de xaspe e de cornalina, e había un arco iris arredor do trono, semellante no seu parecer a unha esmeralda. 4 Arredor do trono había vintecatro tronos, e sentados nos tronos, vintecatro anciáns vestidos de vestiduras brancas, e sobre as súas cabezas, coroas de ouro. 5 Do trono saen lóstregos, voces e relampos; e diante do trono arden sete lámpadas de lume, que son os sete espíritos de Deus. 6 Diante do trono hai coma un mar de vidro, semellante ao cristal; e no medio do trono, arredor do trono, catro seres vivintes, cheos de ollos por diante e por detrás. 7 O primerio ser vivinte semellaba un león; o segundo ser vivinte semellaba un becerro; o terceiro ser vivinte tiña semblante coma de home, e o cuarto ser vivinte semellaba unha aguia voando. 8 Os catro seres vivintes, cada un deles con seis ás, estaban cheos de ollos arredor e por dentro, e non paraban día e noite dicindo: Santo, Santo, Santo é o Señor Deus Todopoderoso, o que era, e que é, e o que está vindo! 9 E cando os seres vivintes den gloria e honor ao que está sentado no trono, ao que vive polos séculos dos séculos, 10 os vintecatro anciáns postraranse diante do que está sentado no trono, e adorarán ao que vive polos séculos dos séculos, e botarán as súas coroas diante do trono, dicindo: 11 Digno es, Señor noso Deus, de recibir a gloria, o honor e o poder, porque ti creaches tódalas cousas, e pola túa vontade existiron e foron creadas!