Salmo 72

1 Ó Deus!, dá os teus xuizos ao rei, e a túa xustiza ao fillo do rei. 2 Xulgue El ao teu pobo con xustiza, e aos teus aflixidos con equidade. 3 Traian os montes ao pobo paz e os outeiros xustiza. 4 Faga El xustiza aos aflixidos do pobo, salve aos fillos dos pobres,

e esmague ao opresor.

5 Que te teman mentres dure o sol e a lúa, por todas as xeracións. 6 Descenda El como a chuvia sobor a herba cortada, como as chuvias que regan a terra. 7 Florezan os xustos nos seus días, e a abundancia de pan, até que non haxa lúa. 8 Terá o dominio de mar a mar, e dende o río até os fins da terra. 9 Os moradores do deserto inclinaranse ante El, e os seus inimigos lamberán o po da terra. 10 Os reis de Tarsis e das illas traerán presentes; os reis de Sabá e de Seba darán tributo, 11 e todos os reis da terra inclinaranse ante El; todas as nacións o servirán. 12 Porque El librará ao necesitado cando clame, e tamén ao pobre que non ten quen o axude. 13 Terá compaixón do aflixido e do feble, e salvará a vida dos necesitados. 14 Rescatará a súa vida da opresión e da violencia, e o seu sangue será fermoso ante os seus ollos. 15 Que viva e reciba o ouro de Sabá, e de continuo oren por El; todo o día o abenzoen*. 16 Haberá abundancia de grao en toda a terra, nos outeiros dos montes; o seu froito mecerá como os cedros do Líbano, e os da cidade florecerán como a herba da terra. 17 O seu nome sexa para sempre; que o seu nome se engrandeza mentres dure o sol; e que os homes por El sexan benditos; todas as nacións chamarano benaventurado. 18 Bendito sexa o Señor Deus, o Deus de Israel, o único que fai prodixios. 19 Bendito sexa o seu nome para sempre, sexa toda a terra chea da súa gloria. Amén e amén. 20 Aquí terminan as oracións de David, fillo de Ixaí.