Capítulo 50

Salmo de Asaf 1 O Deus poderoso, o Señor, falou, e convocou a terra, dende o amencer do sol até o solpor. 2 Dende Sión, perfección de fermosura, resplandeceu Deus. 3 Que o noso Deus veña e que non cale; diante del o lume consome, é grande a tempestade ao seu redor. 4 El convoca os ceos dende o alto, e a terra, para xulgar o seu pobo. 5 E di: Xuntade os meus santos os que comigo fixeron pacto con sacrificio. 6 Os ceos declaran a súa xustiza porque Deus mesmo é o xuíz. 7 Ouve, pobo meu, e vou falar; ó Israel!, eu protestarei contra ti. Eu son, Deus, o teu Deus. 8 Non te reprendo polos sacrificios, nin polos teus holocaustos, presentes sempre diante miña. 9 Non tomarei becerro da túa casa, nin godallos*(castrón en celo) dos teus rebaños. 10 Porque é meu todo animal do bosque, e o gando sobre mil montañas. 11 Toda ave dos montes coñezo, e meu é todo o que no campo se move. 12 Se tivese fame, non cho diría a ti, porque o mundo enteiro é meu, e todo o que hai nel. 13 Comerei eu carne de touros, ou beberei sangue de chibos? 14 Ofrece a Deus sacrificio de louvor e cumpre os teus votos ao Altísimo; 15 E invócame no día da angustia; eu librareite e ti honrarasme. 16 Porén dille Deus ao impío: que dereito tes ti, de falar dos meus estatutos e de tomar o meu pacto nos teus beizos? 17 Pois ti aborreces a disciplina, e ao teu lombo botas as miñas palabras. 18 Cando ollas un ladrón, consentes con el, e asóciaste cos adúlteros. 19 Soltas a túa boca para o mal, e a túa lingua para argallar engano. 20 Séntaste e falas contra o teu irmán, calumnias o fillo da túa propia nai. 21 Estas cousas fixeches e eu calei; pensaches que eu era como ti; pero reprendereite, e exporei os teus delitos diante dos teus ollos. 22 Entendede agora isto, os que vos esquecedes de Deus, non sexa que vos desfaga en cachos e non haxa quen vos libre. 23 O que ofrece sacrificio de louvor, hónrame; e ao que segue o bo camiño mostrareille a salvación de Deus.