Capítulo 16

1 E escoitei unha gran voz que dende o templo dicía aos sete anxos: ide e vertede na terra as sete copas da ira de Deus. 2 O primeiro foi e verteu a súa copa na terra; producindo unha chaga pestilente e maligna nas persoas que tiñan a marca da besta e que adoraban a súa imaxe. 3 O segundo verteu a súa copa no mar e convertiuse en sangue coma de morto; e morreu todo ser vivo dos que están no mar. 4 O terceiro verteu a súa copa nos ríos e nas fontes de auga, e convertéronse en sangue. 5 E oín ao anxo das augas que dicía: Xusto es ti, o que eres, e o que eras, oh Santo, porque xulgaches estas cousas; 6 pois eles verteron sangue de santos e profetas e ti décheslles a beber sangue; téñeno merecido. 7 E oín ao altar, que dicía: sí, oh Señor Deus Todopoderoso, verdadeiros e xustos son os teus xuízos. 8 O cuarto verteu a súa copa sobre o sol, e foille dado queimar ás persoas con lume. 9 E as persoas foron queimadas co calor abafante; e blasfemaron o nome de Deus que ten poder sobre estas pragas, e non se arrepentiron para darlle gloria. 10 O quinto verteu a súa copa sobre o trono da besta; e o seu reino quedou en tebras, mordéndose a lingua da dor. 11 E blasfemaron contra o Deus do ceo por mor das súas dores e das súas chagas, e non se arrepentiron das súas obras. 12 O sexto verteu a súa copa sobre o gran río Éufrates; e secaron as súas augas para que fora preparado o camiño para os reis do oriente. 13 E vin saír da boca do dragón, da boca da besta e da boca do falso profeta, a tres espíritos inmundos semellantes a rás, 14 pois son espíritos de demos que fan sinais prodixiosas, que van aos reis de todo o mundo, a reunilos para a batalla do gran día do Deus Todopoderoso. 15 (Velaí , veño coma ladrón, ditoso o que vela e garda as súas roupas, non sexa que ande espido e vexan a súa vergoña.) 16 E reuníronos no lugar que en hebreo se chama Armaxedón. 17 O sétimo verteu a súa copa no ar; e unha grande voz saiu do templo, do trono que dicía: Está feito. 18 Entón houbo relampos, voces e estrondos; e houbo un terremoto tan grande e terrible coma endexamais se vira dende que o home está sobre a terra. 19 A gran cidade quedou dividida en tres partes, e as cidades das nacións caeron. E a gran Babilonia foi recordada diante de Deus para darlle o cáliz do viño da ira de Deus. 20 E fuxiu toda illa e nos se atopou monte algún. 21 E enormes graínzos, coma de un talento * ( o peso dun talento era duns 34kg) cada un, caeron sobre as persoas; e as persoas blasfemaron contra Deus pola praga de sarabia, porque esta praga era grande abonda.