Capítulo 13

1 E vin que subía do mar unha besta que tiña dez cornos e sete cabezas; sobre os seus cornos tiña dez diademas, e sobre as súas cabezas, un nome blasfemo. 2 A besta era semellante a un leopardo, os seus pés eran coma os dun oso e a súa boca coma a boca dun león. E o dragón deullelo seu poder e seu trono e unha grande autoridade. 3 E vin unha das súas cabezas coma ferida de morte, pero a súa ferida mortal foi sandada e a terra enteira abraiada ía trala besta; 4 e adoraron ao dragón, porque lle dera autoridade á besta; e adoraron á besta dicindo: quen é semellante á besta, e quen pode loitar contra ela? 5 Déuselle unha boca que falaba grandezas e blasfemias, e foille dada autoridade para actuar por corenta e dous meses. 6 E abriu a súa boca en blasfemias contra Deus, para blasfemar o seu nome e o seu tabernáculo, é dicir, aos que moran no ceo. 7 E concedéuselle facer guerra contra os santos e conquistalos; e déuselle autoridade sobre toda tribo, pobo, lingua e nación. 8 E han adorala todos os que moran na terra, os que os seus nomes non foron escritos, dende a fundación do mundo, no libro da vida do Año que foi inmolado. 9 Se algún ten oído, oia. 10 Se algún ha ser levado á cadea, á cadea será levado; se algún ha ser morto a espada, a espada será morto. Velaí a perseveranza e a fe dos santos. 11 E vin outra besta que subía da terra; tiña dous cornos semellantes aos dun año pero falaba coma un dragón. 12 E exerce toda a autoridade da primeira besta diante dela, e fai que a terra e os que moran nela adoren á primeira besta que foi sandada da ferida mortal. 13 E fai grandes milagres, de xeito tal que aída fai baixar lume do ceo á terra diante das persoas. 14 E engana aos que moran na terra por medio dos sinais que lle foi concedido facer diante da besta, dicindo aos que moran na terra que fagan unha imaxe da besta que tiña unha ferida de morte e reviviu. 15 E concedéuselle dar alento á imaxe da besta, para que a imaxe da besta tamén falara e fixera que foran mortos os que non adoraran á imaxe da besta. 16 E fai que a todos, pequenos e grandes, ricos e pobres, libres e escravos, lles poñan unha marca na súa man dereita ou na fronte, 17 e que ninguén poida mercar ou vender, senón o que teña a marca: o nome da besta ou o número do seu nome. 18 Aquí está a sabedoría. O que ten entendementeo, deduza o número da besta, porque é número de home: seu número é seiscentos sesenta e seis.