Capítulo 7

1 Porque este Melquisedec, rei de Salem, sacerdote do Deus Altísimo, ( quen atopando a Abraham cando viña de volta da derrota dos reis, e bendicíndoo, 2 a quen tamén Abraham lle deu a décima parte de tódalas cousas ), primeiro quere dicir Rei de Xustiza, e logo, Rei de Salem, é dicir, Rei de Paz; 3 sen pai, sen nai, sen xenealoxía; non tendo principio de días nen fin de vida, sendo feito semellante ao Fillo de Deus, permanece sacerdote para sempre. 4 Considerade, entón, a grandeza deste a quen Abraham o patriarca lle deu a décima parte do mellor do botín. 5 E en verdade os dos fillos de Leví teñen mandamento na lei de recoller a décima parte do pobo, é dicir, dos seus irmáns, aínda que sexan descendentes de Abraham, pois reciben o oficio de sacerdote. 6 Pero o que non descendía deles, recibiu a décima parte de Abraham e bendixo ao que tiña as promesas. 7 Queda fóra de toda discusión, o menor é bendito polo maior. 8 E, certamente, aquí reciben a décima parte persoas mortais, pero alí un que dá testemuño de que vive. 9 E, por así dicilo, aínda Leví por medio de Abraham, deu a décima parte ao recibila del; 10 porque aínda estaba nos lomos do seu pai cando Melquisedec lle saíu ao encontro. 11 Agora ben, se a perfección fora por medio do sacerdocio levítico ( pois o pobo recibiu a lei sobre esa base ), que necesidade había de que se levantara outro sacerdote segundo a orde de Melquisedec, e non nomeado segundo a orde de Aarón? 12 Porque cando muda o sacerdocio, necesariamente ocorre tamén un cambio da lei. 13 Pois aquel de quen se din estas cousas, pertence a outra tribo, da que ninguén serviu no altar. 14 Porque é evidente que o noso Señor descendeu de Xudá, unha tribo da que Moisés non dixo nada tocante aos sacerdotes. 15 E isto é aínda máis evidente, se se levanta outro sacerdote a semellanza de Melquisedec, 16 que chegou a selo, non sobre a base dunha lei de requisitos físicos, senón segundo o poder dunha vida indestrutible. 17 Pois dáse testemuño del: "ti es sacerdote para sempre segundo a orde de Melquisedec". 18 Porque certamente, queda anulado o mandamento anterior pola súa fraxilidade e ineficacia 19 ( pois a lei non perfeccionou nada ), pero foi unha introdución dunha mellor esperanza, pola que nos achegamos a Deus. 20 E por canto non foi sen xuramento, pois en verdade eles foron feitos sacerdotes sen xuramento, 21 pero El por un xuramento de quen lle dixo: "o Señor xurou e non se ha lamentar, ti es sacerdote para sempre". 22 Por iso, Xesús veu ser fiador dun pacto mellor. 23 Os sacerdotes anteriores foron moitos, pois a morte impedíalles continuar, 24 pero El como permanece para sempre, ten un sacerdocio perpetuo. 25 Polo que tamén ten poder para salvar para sempre aos que se achegan a Deus por medio del, vivindo sempre para interceder por eles. 26 Porque convíñanos ter tal sumo sacerdote: santo, inocente, incontaminado, separado dos pecadores e exaltado nas alturas máis aló dos ceos, 27 que non precisa, como aqueloutros sumos sacerdotes, ofrecer sacrificios a cotío, primeiro polos propios pecados e logo polos pecados do pobo, poque isto fíxoo unha vez para sempre, cando se ofreceu a si mesmo. 28 Porque a lei constitúe como sumos sacerdotes a persoas febles, pero a palabra do xuramento, que é despois da lei, constitúe ao Fillo, que é feito perfecto para sempre.