Capítulo 6

1 Irmáns, se algún de vós é descuberto facendo o que non debe, vós que sodes espirituais restaurádeo con dozura. Coidándote de non acabar caendo ti no mesmo. 2 Levade uns as cargas dos outros e así cumpriredes a lei de Cristo.. 3 Porque se alguén cre ser máis do que é, a si mesmo se engana. 4 Cada un que reflexione sobre as súas propias obras, e daquela terá motivo de estar satisfeito de si mesmo sen mirar aos outros. 5 Porque cada un levará cadansúa carga. 6 A quen se lle ensine sobre a palabra, que comparta toda cousa boa con quen lle ensina. 7 Non vos levedes a engano. De Deus non vos podedes burlar, aquilo que sementedes, iso mesmo recolleredes. 8 Porque o que sementa para a súa propia carne, segará destrución. E o que sementa para o Espírito, do Espírito colleitará vida eterna. 9 Non nos fartemos de facer o ben, porque ao seu debido tempo segaremos, se non desfalecemos. 10 Porén, non perdamos a oportunidade de facer ben a todos, especialmente aos da familia da fe. 11 Ollade as grandes letras que vos escribo da miña man. 12 Todos os que queren quedar ben na carne, fórzanvos a que vos circuncidedes co fin de non ser perseguidos pola causa da cruz de Cristo. 13 Porque nen aínda eles cumpren a lei, pero queren gabarse da vosa propia circuncisión. 14 Pero que non veña eu gabarme en cousa algunha agás na cruz de Cristo, pola que o mundo foi crucificado para min e eu para o mundo. 15 Porque de pouco vale circuncidarse ou non, senón ser unha nova creación. 16 E os que vivan segundo esta norma, graza e paz a eles e ao Israel de Deus. 17 De aquí en diante que ningén me veña amolar con estos asuntos, pois levo no meu corpo as marcas de Xesús. 18 Irmáns, que a graza do noso Señor Xesús Cristo sexa co voso espírito. Amén.