Capítulo 4

1 Xa que Cristo padeceu na carne, armádevos vós tamén co mesmo propósito, pois quen padeceu na carne terminou co pecado, 2 para non vivir o tempo que lle queda na carne, nos desexos humanos, senón na vontade de Deus. 3 Porque o tempo pasado xa foi suficiente para ter feito o que agrada aos xentís, tendo andado en sensualidade, luxurias, borracheiras, orxías, esmorgas e idolatría abominable. 4 E así estráñanse ao veren que non andades con eles no mesmo desenfreno de vicios, e insúltanvos; 5 mais eles darán conta a Aquel que está preparado para xulgar aos vivos e aos mortos. 6 Porque con esta fin foi proclamado o evanxeo aínda aos mortos, para que sendo xulgados segundo a carne como seres humanos, vivan no espírito segundo Deus. 7 Mais o fin de tódalas cousas está perto; sede pois prudentes e vixiantes nas oracións. 8 Sobre tódalas cousas, sede ferventes no voso amor os uns polos outros, xa que o amor cubre multitude de pecados. 9 Sede hospitalarios os uns para os outros, sen murmurar. 10 Como cada un de vós recibiu un don especial, úseo servíndovos uns aos outros como bos administradores da multiforme graza inmerecida de Deus. 11 O que fala, que fale conforme a palabra de Deus; o que sirve, que o faga pola fortaleza que Deus dá, para que en todo Deus sexa glorificado mediante Xesús Cristo, a quen pertence a gloria e o poder polos séculos dos séculos. Amén. 12 Amados, non vos sorprendades polo lume da proba que saíu de en medio de vós para probarvos, como se algunha cousa rara estivese a acontecer; 13 mais ben alegrádevos, na medida en que compartides os padecementos de Cristo, para que tamén na revelación da súa gloria relouquedes de ledicia. 14 Se sodes aldraxados polo nome de Cristo, benaventurados sodes, pois o espírito da gloria e de Deus repousa en vós. Certamente, por eles El é blasfemado, mais por vós é glorificado. 15 Pero que ningún de vós sufra como asasino, ou ladrón, ou malfeitor, ou por entremetido. 16 Mais se algún sufre como cristiano, que non se avergoñe, senón que, como tal, glorifique a Deus. 17 Porque é tempo de que o xuízo comece pola casa de Deus; e se comeza primeiro por nós, cal será a fin dos que non obedecen o evanxeo de Deus? 18 E se o xusto se salva con dificultade, que será do impío e do pecador? 19 Por conseguinte, os que sofren conforme á vontade de Deus, encomenden as súas almas ao Creador, facendo o ben.