Capítulo 6

1 E vin cando o Año abriu un dos sete selos, e oín a un dos catro seres vivintes que dicía, coma con voz de trono: sae! 2 Mirei e velaí un cabalo branco; e o que o montaba tiña un arco, e foille dada unha coroa, e saiu vencendo e para vencer. 3 Cando abriu o segundo selo, oín ao segundo ser vivinte que dicía: sae! 4 Entón saiu outro cabalo vermello coma o fogo, e ao que o montaba foille dado, quitar a paz da terra, e que se mataran os uns aos outros; e foille dada unha espada grande. 5 Cando abriu o terceiro selo, oín ao terceiro ser vivinte que dicía: sae! E mirei, velaí, un cabalo negro, e o que o montaba tiña unha balanza na man. 6 E oín coma unha voz no medio dos catro seres vivintes que dicía: unha libra de trigo por un denario, e tres libras de cevada por un un denario, pero non lle fagas mal ao aceite mailo viño. 7 Cando abriu o cuarto selo, oín a voz do cuarto ser vivinte que dicía: sae! 8 E mirei, velaí un cabalo pálido; e o que o montaba chamábase Morte; e o Hades seguía tras del; e foille dada autoridade sobre a cuarta parte da terra para matar con espada, con fame, con pestilencia, e polas feras da terra. 9 Cando o Año abriu o quinto selo, vin embaixo do altar as almas dos que morreran asasinados por mor da palabra de Deus e do testemuño que mantiveran; 10 e berraban dicindo: ata cando o Señor Soberano, Santo e Verdadeiro, non xulgas e véngalo noso sangue don que habitan na terra? 11 E déuselles cadansúa vestidura branca; e foilles dito que descansaran un pouco máis de tempo, ata completarse o número dos seus conservos, dos seus irmáns que habían ser asasinados coma eles. 12 Vin cando abriu o sexto selo, e houbo un gran terremoto, e o sol virou negro coma tela de crin, e a lúa enteira volveuse coma sangue, 13 e as estrelas do ceo caeron á terra, como a figueira deixa caer os seus figos verdes ao ser sacudida por un forte vento. 14 E o firmamento recolleuse coma un pergamiño que se enrola, e todo monte e illa foron quitados do seu lugar. 15 E os reis da terra, e os príncipes, e os comandantes, os ricos, os poderosos e todo escravo e libre, agocháronse nas covas e entre as penas dos montes; 16 e dicían aos montes e ás penas: caede sobre nós e agochádenos da presenza do que está sentado no trono e da ira do Año. 17 Porque chegou o grande día da ira deles, e quen pode manterse en pé?