Capítulo 1

1 Principio do evanxeo de Xesucristo, Fillo de Deus. 2 Como está escrito no profeta Isaías: Velaquí, eu envío o meu mensaxeiro diante da túa faciana, o cal preparará o teu camiño. 3 Voz do que clama no deserto: «Preparade o camiño do Señor, facede dereitas as súas sendas». 4 Xoán o Bautista apareceu no deserto pregoando o bautismo de arrepentimento para o perdón de pecados. 5 E acudía a el toda a rexión de Xudea, e toda a xente de Xerusalén, e confesando os seus pecados, eran bautizados por el no río Xordán. 6 Xoán estaba vestido de pelo de camelo, tiña un cinto de coiro á cintura, e comía lagostas e mel silvestre. 7 E proclamaba: Tras de min vén un que é máis poderoso ca min, a quen non son digno de postrarme para desatar a correa das súas sandalias. 8 Eu bauticeivos con auga, pero El bautizaravos co Espírito Santo. 9 E sucedeu naqueles días que Xesús veu de Nazaret de Galilea, e foi bautizado por Xoán no Xordán. 10 E de seguido, ao saír da auga, viu que os ceos se abrían, e que o Espírito baixaba como unha pomba sobre El; 11 e veu unha voz dos ceos, que dicía: Ti es o meu Fillo amado, en ti compracinme. 12 Decontado o Espírito impulsouno a ir ao deserto. 13 E estivo no deserto corenta días, sendo tentado por Satanás; e estaba entre as feras, e os anxos servíano. 14 Despois que Xoán fora encarcerado, Xesús veu a Galilea proclamando o evanxeo de Deus, 15 e dicindo: O tempo cumpriuse e o reino de Deus achegouse; arrepentídevos e crede no evanxeo. 16 Mentres camiñaba xunto ao mar de Galilea, viu a Simón e a Andrés, irmán de Simón, botando unha rede no mar, porque eran pescadores. 17 E Xesús díxolles: Seguídeme, e eu farei que sexades pescadores de homes. 18 E deixando axiña as redes, foron tras El. 19 Indo un pouco máis adiante viu a Xacobe, o fillo de Zebedeo, e ao seu irmán Xoán, que estaban tamén na barca, remendando as redes. 20 E ao instante chamounos; e eles, deixando ao seu pai Zebedeo na barca cos xornaleiros, fóronse tras El. 21 Entraron en Capernaúm; e decontado, no día de repouso entrando Xesús na sinagoga comezou a ensinar. 22 E estaban abraiados da súa doutrina; porque lles ensinaba como quen ten autoridade, e non como os escribas. 23 E velaquí estaba na sinagoga deles un home cun espírito inmundo, que comezou a berrar 24 dicindo: Que temos que ver contigo, Xesús de Nazaret? Viñeches a destruírnos? Eu sei quen es: o Santo de Deus. 25 Xesús reprendeuno, dicindo: Cala, e sal de el! 26 Entón o espírito inmundo sacudiuno unha e outra vez, e berrando a gran voz, saíu del. 27 E todos abraiáronse de tal xeito que discutían entre si, dicindo: Que é isto? Unha doutrina nova con autoridade! El manda aínda aos espíritos inmundos e obedécenlle. 28 E decontado a súa fama estendeuse por todas partes, por toda a rexión ao redor de Galilea. 29 Inmediatamente despois de saír da sinagoga, foron a casa de Simón e Andrés, con Xacobe e Xoán. 30 E a sogra de Simón xacía doente con febre; e decontado faláronlle dela. 31 Xesús achegóuselle, e tomándoa da man levantouna, e a febre deixouna; e ela servíalles. 32 Ao luscofusco, despois da posta do sol, trouxéronlle todos os que estaban doentes e os posuídos. 33 E toda a cidade amoreárase á porta. 34 E sandou a moitos que estaban doentes de diversas doencias, e expulsou moitos demos; e non deixaba falar aos demos, porque eles sabían quen era El. 35 Erguéndose moi cedo, cando aínda estaba escuro, saíu, e foise a un lugar arredad, e alí oraba. 36 E Simón e os seus compañeiros saíron a buscalo; 37 atopárono e dixéronlle: Todos andan a procurarte. 38 E El díxolles: Imos a outro lugar, aos pobos veciños, para que predique tamén alí, porque para iso vin. 39 E foi por toda Galilea, predicando nas súas sinagogas e expulsando demos. 40 E veu a El un gafo rogándolle, e axeonllándose díxolle: Se queres, podesme limpar. 41 Movido a compaixón, estendendo Xesús a man, tocouno, e díxolle: Quero; sé limpo. 42 E ao instante a lepra deixouno e quedou limpo. 43 Deseguida despediuno, despois de advertirlle dun xeito severo: 44 Mira, non digas nada a ninguén, senón vai, amósate ao sacerdote e ofrece pola túa limpeza o que Moisés ordenou, para testemuño a eles. 45 Pero el, en canto saíu, comezou a pregoalo abertamente e a divulgar o feito, a tal punto que Xesús xa non podía entrar publicamente en ningunha cidade, senón que quedaba fóra en lugares despoboados; e viñan a El de todas as partes.