Salmo 19 Para o director do coro. Salmo de David.

1 Os ceos falan da gloria de Deus,

e o firmamento mostra a obra das súas mans.

2 Día a día transmite a súa mensaxe,

e noite a noite dá a coñecer a sabedoría.

3 Non hai linguaxe nen idioma;

non se escoita a súa voz.

4 Pero por toda a terra saíu a súa voz,

e até os confíns do mundo as súas palabras,

neles puxo tabernáculo para o sol,

5 e este, como esposo que sae do seu cuarto,

alégrase como atleta correndo a carreira.

6 Dun extremo dos ceos é a súa saída,

e a súa órbita até os extremos deles,

e nada queda agachado da súa calor.

7 A lei de Iahveh é perfecta,

restaura a alma,

o testemuño de Iahveh é fiel,

fai sabio o simple.

8 Os mandamentos de Iahveh son rectos,

alegran o corazón;

o mandamento de Iahveh é puro,

alumea os ollos

9 O temor de Iahveh é limpo,

permanece para sempre,

os xuízos de Iahveh son verdade,

todos xustos;

10 desexables máis que o ouro; si, máis que moito ouro fino,

e máis doces que o mel,

e as gotas que rezuman da colmea.

11 O teu servo é, ademais, advertido por eles,

en gardalos hai grande recompensa.

12 Quen pode discernir os seus propios erros?

Absólveme dos que me son ocultos

13 Garda o teu servo dos pecados de arrogancia,

que non gobernen sobre min.

Entón serei íntegro,

e quedarei absolto de grande transgresión.

14 Sexan aceptables diante túa os ditos da miña boca,

e a meditación do meu corazón,

ó Iahveh, miña Rocha e meu Redentor.