Capítulo 3

1 Había entre os fariseos un home chamado Nicodemo, maxistrado dos xudeus. 2 Este home foi onde Xesús de noite e díxolle: "Mestre, sabemos que ti es un enviado de Deus, porque ninguén pode facer os sinais que Ti fas se non está Deus con el". 3 Respondeulle Xesús: "En verdade, en verdade che digo, se non naces de novo, non poderás ver o reino de Deus". 4 Díxolle Nicodemo: "Como pode alguén volver nacer sendo vello? Acaso pode entrar outra vez no seo da súa nai e nacer? 5 Respondeulle Xesús: "Asegúroche que todo o que non naza da auga e o Espírito non pode entrar no reino de Deus. 6 O que naceu da carne é carne, e o que naceu do Espírito é espírito. 7 Non te estrañe que eu te dixera: tes que nacer de novo. 8 O vento sopra onde quere e ti séntelo zoar, mais non sabes de onde ven e para onde vai. Así mesmo é quen naceu do Espírito. 9 Replicoulle Nicodemo: "Como pode suceder iso?" 10 Díxolle Xesús:: Ti es mestre de Israel e non o sabes? 11 En verdade, em verdade che digo, falamos do que sabemos e testemuñamos do que vimos, pero vós non queredes aceptar o noso testemuño. 12 Faleivos de cousas terreas e non credes, como ides crer as cousas celestiais ? 13 Ninguén subiu ao ceo fora de Aquel que descendeu do ceo: o Fillo do Home. 14 Como Moisés alzou a serpente no deserto, así será levantado o Fillo do Home 15 para que todo o que cre nel, teña vida eterna. 16 Pois de tal xeito amou Deus ao mundo que lle deu o seu Fillo Unixénito, para que todo aquel que cre nel non se perda, mais teña vida eterna. 17 Porque non enviou Deus o seu Fillo o mundo para xulgalo, senón para salvalo por medio del. 18 Todo o que cre nel non é xulgado, mais quen non cre xa foi xulgado por non crer no único Fillo de Deus. 19 Nisto consiste o xuizo: a luz veu ao mundo e as persoas amaron máis as tebras que a luz, porque os seus feitos eran malos. 20 Todo aquel que fai o mal odia a luz e non vén cara a ela porque todos verán os seus feitos. 21 Mais aquel que practica a verdade si vén cara a luz para que se vexan os seus feitos, porque veñen de Deus. 22 Mais tarde, Xesús e os seus discípulos foron até Xudea. Alí pasou algún tempo con eles e bautizaba.. 23 Xoán tamén bautizaba en Enom, perto de Salim, porque había alí moita auga e viñan moitos a se bautizar, 24 porque todavía non levaran a Xoán á cadea. 25 Entón levantouse unha porfía entre algúns dos discípulos de Xoán e os xudeus, a propósito do lavamento ceremonial para ser aceptados por Deus. 26 Foron onda Xoán e dixéronlle: "Mestre, aquel que estaba contigo no outro lado do río, de quen deches testemuño, está a bautizar e todos van detrás del" 27 Respondeulles Xoán: "ninguén pode receber nada se non lle vén dado do ceo. 28 Vós podedes testemuñar de que vos dixen: eu non son o Mesías, eu son somentes o enviado diante del" 29 A esposa tena o esposo; pero o amigo do esposo, o que está ao seu carón e o escoita, alégrase dun xeito inmenso ao escoitar a voz do esposo. Así a miña alegría é completa. 30 El debe medrar e eu diminuir. 31 Quen vén do ceo está por riba de todos. Quen ven da terra, da terra é e fala cousas da terra. O que ven do ceo está sobre todos. 32 El dá testemuño do que viu e escoitou, mais ninguén acepta o seu testemuño. 33 Quen acepta o seu testemuño confirma que Deus é verdade. 34 Porque Aquel a quen Deus enviou fala as palabras de Deus. Porque Deus non dá o Espírito dun xeito medido. 35 O Pai ama o Fillo e púxolle todas as cousas na súa man. 36 Quen cre no Fillo ten vida eterna, mais aquel que desobedece o Fillo non verá a vida, senón que a ira de Deus está sobre el"