Capítulo 12

1 Entón Xesús, seis días antes da Páscoa, veu a Betania onde estaba Lázaro, o que Xesús resucitara de entre os mortos. 2 E fixéronlle alí unha cea, e Marta servía; pero Lázaro era un dos que estaban á mesa con El. 3 Entón María, tomando unha libra de perfume de nardo puro, unxiu os pés de Xesús, e secounos cos seus cabelos, e a casa encheuse do cheiro do perfume. 4 E Xudas Iscariote, un dos discípulos, o que o ía entregar, dixo: 5 Por que non se vendeu este perfume por trescentos denarios e se lle deu aos pobres?. 6 Pero dixo isto, non porque lle preocuparan os pobres, senón porque era un ladrón, e como tiña a bolsa do diñeiro, quitaba do que lle botaban nela. 7 Entón Xesús dixo: Déixaa, para que o garde para o día da miña sepultura. 8 Porque aos pobres sempre os teredes con vós, pero non sempre me teredes a min. 9 Entón, a gran multitude de xudeus enterouse de que el estaba alí: e viñeron, non só por causa de Xesús, senón tamén por ver a Lázaro, ao que resucitara de entre os mortos. 10 Pero os principais sacerdotes resolveron matar tamén a Lázaro; 11 porque por causa del, moitos xudeus apartábanse e crían en Xesús. 12 No día seguinte, cando a gran multitude que viñera á festa, ouviu que Xesús viña a Xerusalém, 13 tomaron follas de palma , e saíron a recibilo, e berraban: Hosanna! Bendito o que vén no nome do señor, o Rei de Israel. 14 Xesús, topou un burriño, montou nel; como está escrito: 15 Non temas filla de Sión; eis o teu Rei vén, montado nunha xumenta. 16 Os seus discípulos non entenderon isto ao principio, porén logo, cando Xesús foi glorificado, entón lembráronse de que isto se escribira del, e que lle fixeran estas cousas. 17 E así, a multitude que estaba con El cando chamou a Lázaro do sepulcro e o resucitou de entre os mortos, daba testemuña de El. 18 Por iso a multitude foi tamén recibilo, porque ouviran que fixera este sinal. 19 Entón os fariseos dicían entre eles: Vedes que nada conseguides? Ollade, todo o mundo foise detrás del. 20 E había uns gregos entre os que subían adorar á festa; 21 estes, pois, foron onda Felipe, que era de Betsaida de Galilea, e rogábanlle, dicindo: Señor, queremos ver a Xesús. 22 Felipe foi e díxollo a Andrés; Andrés e Felipe foron e dixéronllo a Xesús. 23 Xesús respondeulles dicindo: Chegou a hora para que o Fillo do Home sexa glorificado. 24 En verdade, en verdade vos digo que se o gran de trigo non cae en terra e morre, fica el so; pero se morre, produce moito froito. 25 O que ama a súa vida, pérdea; e o que aborrece a súa vida neste mundo, ha conservala para vida eterna. 26 Se algún me serve, que me siga; e onde eu estou alí tamén estará o meu servidor; se algún me serve o Pai honrarao 27 Agora a miña alma angustiouse; e que vou dicir, Pai, sálvame desta hora? Para isto cheguei a esta hora. 28 Pai glorifica o teu nome. Entón veu unha voz do ceo: Glorifiqueino, e de novo glorificareino. 29 Por iso a multitude que estaba alí e a ouviu, dicía que fora un trono; outros dicían: baixoulle un anxo. 30 Respondeu Xesús e dixo: Esta voz non veu por causa miña, senón por causa vosa. 31 Xa está aquí o xuízo deste mundo; agora o príncipe deste mundo será lanzado fora. 32 E, eu, se son levantado da terra, atraerei a todos a min mesmo. 33 Pero El dicía isto para indicar de que morte ía morrer. 34 Entón a multitude respondeulle: Ouvimos na lei que o Cristo permanecerá para sempre; e como dis ti: O Fillo do Home ten que ser levantado? Quen é este Fillo do Home? 35 Xesús entón díxolles: Todavía un pouco de tempo, a luz estará entre vós. Camiñade mentres teñades luz, para que non vos sorprendan as tebras: o que anda en escuridade non sabe onde vai. 36 Mentres estades en Luz, crede na luz, para que sexades fillos de luz. Estas cousas falou Xesús, e foise e ocultouse deles. 37 Pero aínda que fixera tantos sinais diante deles, non crían nel, 38 para que se cumprira a palabra do profeta Isaías, que dixo: Señor quen creu ao noso anuncio? E a quen se revelou o brazo do Señor? 39 Por iso non podían crer, porque Isaías tamén dixo: 40 El cegou os seus ollos e endureceu o seu corazón, para que non vexan cos ollos e entendan co corazón, e se convirtan e eu os sane. 41 Dixo isto Isaías porque viu a súa gloria, e falou del. 42 Porén, moitos, aínda dos gobernantes, creron nel, pero por causa dos fariseos non o confesaban, para non ser expulsados da sinagoga. 43 Porque amaban máis a louvanza dos homes que o recoñecemento de Deus. 44 Xesús exclamou e dixo: O que cre en min, non cre en min, senón naquel que me enviou. 45 E quen me ve, ve aquel que me enviou. 46 Eu, a luz, viñen ao mundo, para que todo o que cre en min non permaneza en tebras. 47 Se algún ouve as miñas palabras e non as garda, eu non o xulgo; porque non viñen xulgar o mundo, senón a salvar o mundo. 48 O que me rexeita e non recibe as miñas palabras, ten quen o xulgue; a palabra que falei, esa o xulgará o día final. 49 Porque eu non falei pola miña conta, senón o Pai mesmo que me enviou deume mandamento sobre todo o que hei dicir e o que hei falar. 50 E sei que o seu mandamento é vida eterna; por iso o que falo, fáloo tal como o Pai mo dixo.