Capítulo 7

1 O sumo sacerdote dixo: e isto así? 2 E el dixo: escoitádeme, irmáns e pais. O Deus de gloria apareceulle ao noso pai Abraham cando estaba en Mesopotamia, antes de que vivira en Harán, 3 e díxolle: "sal da túa terra e da túa parentela, e vai cara a terra que eu che vou amosar." 4 Entón el saiu da terra dos caldeos e afincouse en Harán. De alí, logo de morrer seu pai, Deus trasladouno a esta terra onde vosoutros vivides agora. 5 Non lle deu herdanza nela, nen aínda para poñer un pé nela, e aínda cando él non tiña fillo, prometeulla en posesión a el e á súa descendencia despois del. 6 E Deus dixo así: "que os seus descendentes serían extranxeiros nunha terra estraña, e que serían escravizados e maltratados por catrocentos anos." 7 "Pero Eu mesmo xulgarei calquer nación da que sexan esclavos"-dixo Deus- " E despois diso han saír e serviranme neste lugar". 8 E Deus deulle o pacto da circuncisión; e así Abraham veu selo pai de Isaac, e circuncidouno ao oitavo día, e Isaac ve sendo o pai de Xacob, e Xacob dos doce patriarcas. 9 E os patriarcas tiveron envexa de Xosé e vendérono para Exipto. Pero Deus estaba con el, 10 e rescatouno de todas as súas angurias, e deulle graza e sabedoría diante de faraón, rei de Exipto, que o puxo por gobernador sobre Exipto e sobre toda a súa casa. 11 E veu moita fame sobre todo Exipto e Canaán, e con ela grande padecemento; e nosos pais non achaban alimentos. 12 Pero cando Xacob soubo que en Exipto había grans, mandou aos nosos pais aló a primeira vez. 13 Na segunda visita, Xosé deuse a coñecer aos seus irmáns, e coñeceu faraón á familia da que viña Xosé. 14 E Xosé, enviou mesaxeiros, e mandou chamar ao seu pai Xacob e a todos os seus parentes, en total setenta e cinco persoas. 15 E Xacob baixou a Exipto, e morreu alí el e os nosos pais tamén. 16 E de alí foron trasladados a Siquem, e foron postos na sepultura que mercara Abraham aos fillos de Hamor en Siquem por unha suma de cartos. 17 Mais cando se achegaba o tempo da promesa que Deus lle confirmara a Abraham, o pobo medraba e multiplicábase en Exipto, 18 ata que xurdiu outro rei diferente en Exipto que non coñecía a Xosé. 19 Este rei, tratando con astucia ao noso pobo, maltratou aos nosos pais, para que abandoaran aos seus meniños á intemperie e non sobreviviran. 20 Naquel tempo foi que naceu Moisés. Era fermoso aos ollos de Deus, e foi criado por tres meses na casa do seu pai. 21 Despois de ser abandoado á intemperie, a filla do faraón levouno canda ela e criouno coma se fose fillo dela. 22 E Moisés foi ensinado en toda a sabedoría dos exipcios, e era un home poderoso en feitos e palabras. 23 Pero cando ía cumprir os corenta anos, sentiu no seu corazón o desexo de visitar aos seus irmáns, os fillos de Israel. 24 E vendo que un deles era tratado inxustamente, defendeuno e vengouno matando ao exipcio. 25 El cría que os seus irmáns entendían que Deus lles estaba dando a liberdade por medio del, pero eles non o entenderon. 26 Ao día seguinte presentóuselles, cando dous deles discutían, e tentou poñer paz entre eles, dicindo: Non sodes vós irmáns, por que vos ferides? 27 Pero o que estaba ferindo ao seu próximo empurrouno, dicindo: quen foi o que te puxo a ti por gobernante e xuiz sobre nós? 28 Ou hasme matar como mataches onte ao exipcio? 29 Cando Moisés escoitou estas palabras, fuxiu e convertiuse en extranxeiro na terra de Madián, onde foi pai de dous fillos. 30 E pasados corenta anos, apareceulle un anxo no deserto do monte Sinaí, na lapa dun espiño que ardía. 31 E Moisés marabillábase vendoo, e achegándose para ver mellor, chegoulle a voz do Señor: 32 "Eu son o Deus dos teus pais, o Deus de Abraham, de Isaac e de Xacob." Moisés, tremendo, non era quen de mirar. 33 E o Señor díxolle: "quita o calzado dos teus pés, porque o lugar onde estás a pisar é terra santa. 34 En verdade vin a opresión do meu pobo en Exipto, e escoitei os seus lamentos, e baixei para liberalos; ven agora e enviareite a Exipto." 35 Este Moisés, a quen eles rexeitaron, dicindo: quen te puxo por gobernante e xuiz? é o mesmo que Deus enviou para ser gobernante e liberador coa axuda do anxo que se lle apareceu no espiño. 36 Este home sacounos, facendo prodixios e sinais na terra de Exipto, no Mar Roxo, e no deserto por corenta anos. 37 Este é o mesmo Moisés que dixo aos fillos de Israel: Deus levantaravos un profeta coma min de entre os vosos irmáns. 38 Este é o que estaba na igrexa no deserto xunto co anxo que lle falaba no monte Sinaí, e con nosos pais, e o que recibiu palabras de vida para dicírvolas a vós; 39 ao que os nosos pais non quixeron obedecer, senón que o rexeitaron, e nos seus corazóns se volveron a Exipto, 40 dicindo a Aarón: fainos deuses que vaian diante de nós, porque a este Moisés que nos sacou da terra de Exipto, non sabemos o que lle pasaría. 41 Naqueles días fixeron un becerro e ofreceron sacrificio ao ídolo, e chufábanse nas obras das súas mans. 42 Pero Deus afastouse deles e entregounos para que serviran ao exército do ceo, como está escrito no libro dos profetas: é que foi a min a quen ofrecestes vítimas e sacrificios no deserto por corenta anos, casa de Israel? 43 Tamén levastes o tabernáculo de Moloc, e a estrela do deus Renfán, as imaxes que fixestes para adoralas. Eu tamén vos exiliarei máis aló de Babilonia. 44 Os nosos pais tiveron o tabernáculo do testemuño no deserto, así como mandara o que falaba con Moisés para que fixera conforme ao modelo que vira. 45 Á súa vez, recibíndoo, os nosos pais introducírono con Xosué ao tomar posesión das nacións que Deus arredou de diante dos nosos pais, ata os días de David; 46 quen atopou graza diante de Deus, e pediu o favor de proveer tabernáculo para a casa de Xacob. 47 Pero foi Salomón quen edificou unha casa. 48 Mais o Altísimo non vive en casa feitas por mans de persoas; como di o profeta: 49 O ceo é o meu trono, e a terra o meu repousapés; que casa me habedes edificar? -di o Señor- Ou cal é o lugar do meu descanso? 50 Non foi a miña man a que fixo todas estas cousas? 51 Teimudos e incircuncisos de corazón e de oídos, resistides sempre ao Espírito Santo; como fixeron os vosos pais, así tamén fixestes vós. 52 A cal dos profetas non perseguiron vosos pais? Eles mataron aos que tiveran anunciado a chegada do Xusto, da que agora vós vos fixestes entregadores e asasinos; 53 vós que recibistes a lei por disposición de anxos, e nen así a gardastes. 54 Oíndo isto, ofendéronse, e rinchaban os dentes contra del. 55 Pero Esteban, cheo do Espírito Santo, fixou os ollos no ceo, e viu a gloria de Deus e a Xesús de pé á destra de Deus; 56 e dixo: velaquí vexo os ceos abertos, e ao Fillo do Home de pé á destra de Deus. 57 Entón eles berraban moi forte, e tapando os oídos arremeteron á unha na súa contra. 58 E botándoo fóra da vila, caéronlle enriba para apedrealo; e as testemuñas puxeron os seus mantos á beira dos pés dun xoven chamado Saulo. 59 Mentres apedreaban a Esteban, el invocaba ao Señor e dicía: Señor Xesús, recibe o meu espírito. 60 E caendo de xeonllos, clamou a gran voz: Señor, non lles teñas en conta este pecado. Tendo dito isto, durmiu.