Capítulo 6

1 Pero nós, coma colaboradores, suplicámosvos que non recibades en van a graza de Deus; 2 pois El dí: oínte no tempo axeitado, e axudeite no día de salvación: mira, este é o tempo axeitado, velaquí a túa salvación, 3 non dando en nada ocasión de tropezo, para que o noso ministerio non sexa desacreditado, 4 senón que en todo nos recomendamos a nós mesmos como ministros de Deus, en moita paciencia, en aflicións, en necesidades, en angurias, 5 en azoutes, en cárceres, en disturbios, en traballos, en insomnios, en xaxúns, 6 en pureza, en coñecemento, en xenerosidade, en bondade, no espírito Santo, en amor sincero, 7 na palabra de verdade, no poder de Deus; por medio das armas da xustiza para atacar e defender; 8 en honra e en deshonra, en mala fama e en boa fama; coma enganadores, pero veraces; 9 coma descoñecidos, pero ben coñecidos; coma moribundos, pero cheos de vida; coma castigados, pero non sentenzados a morte; 10 coma entristecidos, mais sempre gozosos; coma pobres, pero enriquecendo a moitos; coma non tendo nada, mesmo téndoo todo. 11 Abriuse a nosa boca para vós con franqueza, corintios, e o noso corazón ensanchouse. 12 Non houbo estreitez no noso agrarimo por vós, pero si de vós cara nós. 13 Pero, dígovos, como a fillos, que tamén vós correspondades ensanchando os vosos corazóns. 14 Non esteades unidos en xugo desigual cos incrédulos, pois que compañeirismo hai entre a xustiza e iniquidade? Ou que teñen en común a luz e as tebras? 15 Ou en que concorda Cristo con Belial? Ou que ten en común un crente cun incrédulo? 16 Ou que acordo ten o templo de Deus cos ídolos? porque nós somos o templo do Deus vivo, como dixo Deus: "habitarei neles, e vivirei entre eles; e serei o seu Deus, e eles serán o meu pobo". 17 Polo tanto, saíde do medio deles e afastádevos, di o Señor; e non toquédelo inmundo, e eu recibireivos. 18 Eu sereivos a vós por pai, e vós seredes fillos e fillas para min, di o Señor Todopoderoso.