Capítulo 13

1 Esta é a terceira vez que vou onda vós: Todo asunto decidiráse polos testemuños de dúas ou tres persoas. 2 Díxenvos, cando estaba convosco a segunda vez, e repítovolo agora aínda que estou ausente, que con aqueles que pecaron e con tódolos demáis, non vou ser indulxente. 3 Xa que andades procurando unha proba de que o Mesías fala por min, El non é feble convosco, senón que é poderoso entre vós. 4 Porque foi crucificado en debilidade, pero vive polo poder de Deus. Nós tamén somos febles nel, pero viviremos con él polo poder de Deus para convosco. 5 Examinádevos a vós mesmos se estades na fe, probade quen sodes. Ou non vos decatades que Xesús o Mesías está en vosoutros? Se non é así, é que estades descalificados! 6 Pero agardo que recoñezades que nós non estamos descalificados. 7 E oramos a Deus para que vós non fagades nada malo, non para que nós sexamos aprobados, senón para que vós fagades o ben, aínda que nós semellemos ser descalifidados. 8 Porque nada podemos facer contra a verdade, senón a favor da verdade. 9 Por iso alegrámonos de sermos febles e vós fortes, porque o que pedimos é: a vosa perfección. 10 Polo tanto escríbovos estando ausente, para non ser demasiado severo cando estea convosco, segundo a autoridade que o Señor me deu para construír, e non para derrubar. 11 Para rematar, irmáns, alegrádevos, procurade a vosa perfección, consoládevos, andade dacordo, vivide en paz e o Deus de amor e paz estará convosco. 12 Saudádevos uns aos outros cun bico santo. 13 Mándanvos saúdos tódolos santos. 14 A graza do Señor Xesús, o Mesías, o amor de Deus, e a participación do Espírito Santo sexan convosco.